Catalunya!- 29 Marzo 2018


Ara digueu: Ens mantindrem fidels
per sempre més al servei d'aquest poble

Salvador Espriu

O horizonte por onde cabalga a monstruosidade do goberno de Rajoy en Catalunya, en dúas únicas direccións, constata a gadoupa do poder xudicial e da represión que manifestan unha das maiores carestías democráticas e o suspense de certas liberdades, comezando pola maniquea obstrución de reducir a realidade política e terxiversar a verdade do que se contempla dos excesos de manipulación e de escurantismo, que practican certos e exclusivos medios informativos que non se exclúen do enorme aparello estatal que mantén viva a disidencia e a incompatibilidade do que está sucedendo en Cataluña, despois do 1 de outubro e da entrada en vigor do 155. Nesta dirección entraron en liza as paranoias dun Estado narcisista e recluso das súas propias neglixencias, de ignorar situacións tan delicadas como as que se están dando en Catalunya, iniciadas pola negativa a un “si” e a un “non” plebiscitario que o goberno negou. A peor causa deste conflito foi a renuncia a negociar desde unha mesa política e non desde o pedestal da maxistratura. Esta deriva en clave xudicial é unha boa maneira de que a sociedade sospeite de certa desorde política e dun suspenso en materia de liberdade de expresión democracia.

Entraron en liza as paranoias dun Estado narcisista e recluso das súas propias neglixencias

O mazo xudicial está aí e resoa en todas as sensibilidades que notan a faltar esa capacidade de reacción política e volver ao punto inicial do conflito, para procurar solucións. Mais o “tarde piaches” ten agora o seu propio vocabulario en clave catalá e é difícil que as cousas tal como derivaron estean suxeitas ás practicas iniciais do proceso político que non se admitiu. O hermetismo do goberno español manifesta tantas anomalías e sospeitas que entrou nun labirinto -por non dicir nun cortello- de difícil volta atrás e de inalcanzábel saída. O problema é que as bobadas de Rajoy sáenlle ben caras a unha sociedade que as soporta dunha maneira frívola, debido aos poderosos instrumentos do Estado que manipulan o noso estado de ánimo emocional. Na sociedade catalá hai unha fonda inquedanza polas clausuras e ditames que saen do Supremo, mais que das porradas represivas das forzas de choque que continúan após do 1 de outubro. Estes extremos de dar paos de cego a unha realidade que ten que resolverse non por vía xudicial, apréstanse e anticípanse a todos os desconcertos posíbeis de indignación, onde afloran sentimentos de coraxe e rebelión e as persoas, dunha maneira organizada e espontánea.

As bobadas de Rajoy sáenlle ben caras a unha sociedade que as soporta dunha maneira frívola, debido aos poderosos instrumentos do Estado que manipulan o noso estado de ánimo emocional

Qué solvencia pode ter un goberno metido nun conflito das dimensións do que se ten creado en Catalunya e repregarse na insidia de si mesmo e repetindo os mesmos ecos de papagaio: “Las leyes están para cumplirlas”, ou en unísono: “Estamos en un Estado de derecho”. A discursiva simplista dos neofranquistas non ten caducidade. Polo contrario, proclaman a vixencia das maledicencias do franquismo, cando ao estado ditatorial chamábanlle: “Estado de Derecho” e dos exiliados dicían que eran “huidos de la justicia”. Por tanto, no Estado español non hai exiliados, hai fuxidos. Non hai presos políticos, hai presos delincuentes. As imprudencias do goberno de Rajoy de poñer o conflito, do mal chamado problema catalán, en maos exclusivas da xustiza, ademais de irreflexivo, pola tesitura que xa teñen tomado as circunstancias, non deixa de ser unha expresiva exhibición do poder dun Estado que intenta impresionar os cataláns e os seus futuros seguidores, Euskadi e Galiza para que non perdan o medo ás ríxidas leis estabelecidas do estatalizado taboleiro de xadrez. É verdade que Catalunya, en parte, rompeu coa norma establecida polo réxime estatalista español, porque sabe que en democracia é mal sistema utilizar o anatema para todo o que non se quere admitir, sobre a pluralidade e diversidade existente en diversos escenarios que ten aberto o Estado español.

Hai que explorar vías de diálogo, mais con quen? Ante os diversos grados de violencia ninguén debe ser neutral. A prisión preventiva non deixa de ser un acto de violencia

Nesta situación, hai que explorar vías de diálogo, mais con quen? Ante os diversos grados de violencia ninguén debe ser neutral. A prisión preventiva non deixa de ser un acto de violencia, como o din e constatan numerosos xuristas e prestixiosos penalistas, dunha maneira contundente e con alegacións de defensa por parte dos avogados dos presos políticos que foron desestimadas. Como podemos interpretar a legalidade e a independencia da xustiza fronte á impermeabilidade do criterio único de certos xuíces que levan temas políticos moi serios que pertencen ao diálogo dun foro democrático. Nun país en que o Tribunal Supremo decide en cuestión políticas de alto rango, certamente estamos ante un inmobilismo democrático consentido e inspirado por un goberno que coida que o problema catalán o poden resolver os xuíces e os axentes de orde público. Mais os despropósitos son tais que son os mellores expoñentes da mentira e das ambicións totalitarias que potencian os que persisten en manter a uniformidade estrutural do Estado. Mais Catalunya ten a súa causa internacionalizada e a dimensión do conflito non deixa de ter opinións concluíntes por parte de sólidos organismos internacionais que non cesan de observar as contradición do goberno español neste litixio.