Inventivas que dinamizan un novo modelo empresarial - 24 Maio 2018

Digamos que o noso país de ningunha maneira é reducionista, cando hai persoas ou colectivos que cren no que temos, e apostan pola transformación das materias primas como un ben que nos pertence aos galegos. Para isto requírese compromiso coas novas e sociais inventivas empresariais e laborais e dar saída ao que resulta eficiente con modelos produtivos e comerciais que a curto prazo son operativos en diversos campos de produción e consumo. Mais este esquema de empresa familiar xorde cando se ten conciencia de país e, sobre todo, de resistir ante problemas administrativos e de dar un paso contundente ás iniciativas que un se propón. Esa convicción e resistencia ten significados exemplos na realización autosuficiente de normalizar un modelo de empresa, implicada nunha autoxestión lonxe do modelo tradicional capitalista, na que predomina o férreo xugo da explotación. 

Xa o dicía Castelao, que o proxecto empresarial galego ten que enraizarse nas bases cooperativistas. Parece ser que así o entenden persoas que se negan a emigrar ou a integrarse en empresas de vellos usos acaparadores. Poñerei como exemplo a empresa de galletas artesanais dos Irmaos Daveiga, asentados no Polígono Industrial Os Acivros de Chantada. Un colectivo familiar, os Lamazares, procedente do veciño concello de Rodeiro, do lugar da Veiga no amplo Val de Camba. Xosé Lois Lamazares Vence é economista e xestor desta empresa, articulada desde o grupo familiar e integrada por veciños de Camba e non só. Un grupo produtivo moi integrado e con capacidade profesional do labor que están realizando. Artellar unha empresa viábel destas características non deixa de ser unha esperanza de futuro para o noso país, cando apostamos en que as pedras teñen que dar pan. A firme conxuntura desta empresa abre moitas portas a futuros e inquedos empresarios capaces de xuntarse e abrir procesos que dinamicen iniciativas para crear pequenas empresas en diversificados eidos de calquera tipo de produción. Esta é unha vía posíbel para superar anticuados modelos que están supeditados a variadas mascaradas especulativas. Unha maneira palpábel de espertar do noso letargo e do intenso sono que nos adormece.

Xa o dicía Castelao, que o proxecto empresarial galego ten que enraizarse nas bases cooperativistas

Os mentores desta empresa partiron da premisa de articular un proxecto agroecolóxico e de emancipación ruralista, como caracteriza a esta empresa Lugar Da Veiga. Mais o modelo con que foi concibida e fundada en 2005 está lexitimado nas inquedanzas de descubrir e facer país, desde un concepto socio-cultural e, quizais, partindo de atributos nacionalistas, supoño. Cunhas perspectivas de superar unha facturación de catro millóns de euros e cunha produción de dezanove mil bolsas diarias de galletas ecolóxicas, denominadas “Mariñeiras”, 100 por cento galegas e etiquetadas integramente en galego.

Hai semanas que o xornal británico Financial Times, destacaba o ranking de mil empresas europeas que mais medraron en resultados positivos en calidade e expansión do seu mercado. Está empresa, Lugar Da Veiga, ocupa o número 503 que subliña o mencionado xornal. Isto aclara o proceso de xestión e produción supeditados a constantes innovacións e participacións en certames e feiras de alimentación como a de Barcelona, entre outras de proxección internacional. Mais as innovacións sempre responden a investimentos que debe efectuar unha empresa, para que repercuta no modelo técnico de modernidade e teña repercusión na dinámica comercial da mesma. No aspecto laboral hai unha transparencia ética que se axusta a un novo renazo que debía rexer por lei en todas as empresas. Dado que os cincuenta traballadores de “Daveiga” participan na toma de decisións e, ademais, do seu salario cobran un extra produtivo. 

Lugar da Veiga ocupa o lugar número 503 na lista confeccionada polo Financial Times das mil empresas europeas que máis medraron en resultados positivos en calidade e expansión do seu mercado.

Puiden observar na sala de repouso, onde os traballadores teñen un cómodo espazo para efectuar as súas comidas, con diversos utensilios de cociña e coa prensa diaria e outras publicacións, un taboleiro de anuncios onde se pendura unha lista de salarios dos traballadores e da dirección. Nesta empresa non hai lugar para que ninguén especule, teña resentimentos ou desconfianzas do que Xan ou Pedro gaña. Neste espazo informativo anúncianse auditorías internas, e demándase corrixir incidencias pendentes: “Utilización de batas durante o descanso para evitar contaminacións coa comida e tabaco”. Todo un modelo dinámico de composturas que repercute en todo un proceso de dereitos e deberes entre traballadores e empresa. Este comportamento lémbrame aquela transparencia de cerámicas Sargadelos, creada por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, onde os traballadores formaban unha enorme familia, xuntamente coa dirección da empresa e cos visitantes da fábrica. Todos xuntos comíamos naquel longo comedor en irmandade solidaria. Ese ambiente que Isaac e Luís crearon, manifesta galeguidade e respecto pola nosa cultura, por un novo modelo de empresa cooperativista. Todo un deseño de integración que a empresa Lugar da Veiga, responde a un novo formato vangardista que vén a superar esquemas anticuados na relación laboral e produtiva, que na Galiza hai ambientes que resístense a desaparecer.