logoGrupoCorreoDevesa Naveiro regresa a Cuba.- Martes 29 de marzo de 2005
ECOS DA BERENGUELA - GaliciaHoxe.com

Xosé Lois García

Despois de case cento cincuenta anos a poesía inédita e totalmente descoñecida de Domingo Campio Devesa Naveiro veu a Galicia para ser publicada por Ediciós do Castro para despois regresar a Cuba. O pasado ano eu devolvín os orixinais que merquei no 2001 a un libreiro de antigüidades na Placa de Armas, e o pasado febreiro foi entregada a edición editada, no mesmo lugar onde fora entregado o caderno orixinal: no Instituto Cubano de Lingua e Literatura da Habana, que dirixe Nuria Gregori. Unha entidade onde se gardan as mellores producións da literatura galega en Cuba. Esta entidade foi a antiga Sociedad Económica de Amigos del País que en Cuba tivo notoria relevancia e aínda agora ten para non poucos investigadores.

Nuria Gregori, a directora deste ente, cubana pero de descendencia catalana e que aínda garda o mellor da entidade catalana que é falar e practicar o idioma de Cataluña. Afable e sempre inqueda, á procura de dar vida e pulo a institución que ela dirixe. Pois foi aquí onde se presentaron os Cadernos Poéticos de Domingo Campio Devesa Naveiro. Foi na mañá do 9 de febreiro nunha sala ateigada de persoas, sobre todo de funcionarios do Instituto Cubano de Lingua e Literatura. Uns funcionarios sempre atentos ao que realizan e amábeis cos foráneos que nos fan sentir como da casa. Antes do acto, Nuria Gregori axuntou aos técnicos responsábeis de conservación dos Cadernos Poéticos que están en deplorábel estado de deterioración. Foi un contacto agradábel dado que cada un deles explicou as características e o estado dos cadernos para recuperalos integramente. Tamén se lembrou dun dos maiores investigadores que tivo e ten esta institución, como é Xosé Neira Vilas, autor do epílogo destes Cadernos Poéticos de Domingo Campio Devesa Naveiro.

A continuación, no salón nobre da antiga Sociedad Económica de Amigos del País, Nuria Gregori presentou o libro que acaba de aparecer e leu varios poemas sarcásticos e satíricos de Devesa Naveiro, baixo o busto ecuestre do libertador José Martí e dunha enorme fileira de retratos de grandes benefactores desta sociedade. Nuria en perfecto catalán foime explicando o labor de cada un dos persoeiros alí expostos en retratos impetuosos. Alí está un galego, un tal Zapata, natural de Betanzos que foi un dos homes máis hospitalarios, cos pobres, que tivo a Habana do século XIX. Chamoume a atención unha enorme mancha, como de pintura, que cubría o rostro dun bispo decimonónico. Nuria relatoume que non era de pintura que era un ovo que o escritor e poeta, Roberto Fernández Retamar lle lanzou ao poeta Luis Rosales que naquel mesmo estrado, polo primeiro lustro dos anos cincuenta, deu unha conferencia sobre García Lorca. Tanto para Retamar como para aquel grupo de estudantes era un agravio e foron protestar ante aquel Rosales que no 1936 foi o suposto cómplice de que os falanxistas apresaran a Lorca e o asasinaran.

Aquel acto de entronización dun poeta galego completamente descoñecido, por estar os seus poemas manuscritos á espera de alguén que os recuperase, durante longo tempo, que foi xastre na cidade de Cienfuegos e nado en Santiago de Compostela en 1823. Un poeta que agora foi publicado e que sen dúbida restitúe un tempo silenciado sobre a presenza da poesía galega en Cuba e modifica os estadios que se adxudicaban a varios poetas galegos que produciron os seus versos na illa caribeña.

Non resistín a ir á espléndida e marabillosa cidade de Cienfuegos, onde viviu e morreu o 17 de decembro de 1895 (ano en que fora asasinado José Martí). Unha data que eu non dera conseguido con anterioridade á publicación dos seus poemas e que non consta na biografía do autor. Devesa Naveiro non deixa de ser un notábel comunicador daquela Galicia da diáspora que el foi consciente da súa emancipación. Un poeta que estivo atento tanto á galeguidade como á cubanidade. Que compartiu dúas patrias sempre co amor e coa dor da súa terra nativa.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía