logoGrupoCorreoUn cambio necesario.- Martes 05.07.2005
ECOS DA BERENGUELA - GaliciaHoxe.com

Xosé Lois García

En Galicia era posíbel un cambio de dirección na vida política e os electores produciron ese cambio. Agora falta que os políticos conxuguen un programa realista para producir os cambios necesarios...
...polos que o país deu o primeiro paso. Os novos gobernantes recollen un país bastante desfasado en temas tan traumáticos como é o idioma e o ensino, sen desbotar aqueles de tipo social, cuxas infraestruturas fan augas por tódolos lados. Estas prioridades, grosso modo, non son fáciles de poñer ao día se se quere facer o comparativo con outras latitudes do Estado español que teñen superado traumas. Galicia é un país que necesita, urxentemente, dunha modernidade inspirada no seu propio contexto e isto será un tema para que ese corpo bicéfalo que vai gobernar o poida facer con tranquilidade e con esixencia, desbotando calquera tipo de paternalismo e de prepotencias que poidan rematar esgazando o corpus dese proxecto programático e a ilusión dos que vemos máis luces que tebras nos novos gobernantes.

O bipartito vaise atopar con numerosos atrancos. O PP, sen dúbida, empregará unha forte e rabiosa oposición que, realmente, saberá meter o dedo na chaga cando a ferida a produzan os roces que poIdan ter o PSdeG e BNG, e saberá crear un estado de opinión que se sume ás inevitábeis demagoxias que o PP alenta. Polo tanto é preciso un pacto de non agresividade, de gardar as formas e de moderarse cando as circunstancias o esixan. As circunstancias, dado o peso que ten o PP, en moitos casos serán adversas e neste sentido será preciso unha moderación para atraer e integrar a moitos galegos que aínda poden trocar de voto. Realizar unha política moderada non significa inscribila en renuncias ou abstraccións que debiliten os seus posicionamentos. Moderación e firmeza deben ser o norte en que se orienten os novos gobernantes. Tendo como referencia unha ética e, tamén, unha estética ben diferente á que estabamos acostumados a observar.

Gobernar a dous menosprezando o peso do PP, ese partido que aglutina votos, intereses e confusións, deixaría de ser un acto de pragmatismo e, incluso, de xenerosidade. Xenerosidade que nestes dezaseis anos de permanencia no poder de Manuel Fraga non tivo coa oposición. Considerando ao BNG e ao PSdeG dous partidos de esquerda –con súas discrepancias como é natural– deben ser o suficientemente xenerosos para realizar, equilibrados, avances cualitativos en que a cidadanía apoie o proxecto que se quere realizar. Para isto é preciso un gran debate, comezando polo parlamento e integrando á sociedade galega. O populismo barato, Do cal dependeu un gran sector da Galicia marxinal que lle propiciou máis minifundio cultural e social, ten que ser desterrado por un debate sincero que cohesione e integre os sectores máis discriminados. A modernidade de Galicia comeza por aquí. Non podemos esquecer que aínda estamos dentro dos parámetros dunha sociedade agraria en fase de industrializarse e cuns desfases sociais de grande importancia. Por outra banda, está a recomposición da nosa identidade diferencial. Neste caso é urxente normalizar o país e, tamén, é preciso un grande esforzo institucional que englobe unha sensíbel participación cidadán.

Agora chegou o momento de "petar na alma do pobo" e tomar conciencia da nosa idiosincrasia, como dixo Castelao. É urxente acordar dese soño e retomar o camiño da esperanza, tantos anos perdido e esquecido. Dezaseis anos dun goberno que puxo atrancos no camiño máis que o despexou, son suficientes para alterar a nosa autenticidade. Galicia nación, sen dúbida, pasa por normalizar a nosa lingua en todos os estamentos sociais. O noso idioma é o máximo atributo que temos os galegos e sen el seriamos calquera cousa menos galegos. Normalizar o idioma equivale a normalizar a cidadanía e, tamén, restituír a nación. Para isto é necesario compartir xenerosidade e moderación. Os avances que se fagan en Galicia, a partir do bipartito, serán moi significativos para conxelar políticas do pasado e abrir unha canle progresista que dinamice o país. Desde os extremos non deixarán de ollar as decisións que se tomen.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía