logoGrupoCorreoPSdeG, epicentro da política galega. - Martes 19.07.2005
ECOS DA BERENGUELA - GaliciaHoxe.com

Xosé Lois García

Na loita electoral, a tres bandas, nas eleccións do 19 de xuño en Galicia, o único partido beneficiado e rotundo gañador foi o PSdeG.

O PP e o BNG perderon influencia no electorado considerablemente. Os escanos da anterior lexislatura e da actual concretan as circunstancias. Non entraremos en máis considerandos, a pesar de que parece que todos gañaron. O PP consólase ao manifestar de que tivo máis votos e o BNG que perdendo vai gobernar. Resúltanos todo isto un bocado pintoresco. Dado que a aritmética das urnas é reveladora interésanos a parte sociolóxica e varias compoñentes do gañador. O PSdeG é un partido sucursalista do PSOE e a súa forza emana, principalmente, dos núcleos urbanos, sobre todo das grandes cidades un tanto desgaleguizadas e tamén dalgunhas vilas da zona rural sen verse neutralizado demasiado polo PP. A penetración organizativa nas aldeas é escasa, isto non quere dicir que de aquí non obteña votos e alcaldes que se perpetúan no poder grazas á boa xestión que desenvolven.
A falta de implantación de base do PSdeG nos núcleos rurais é un dilema, mentres que os seus afiliados se reclúen nos seus guetos, onde aparecen como ilustrados de capeliñas que non saben ou non queren romper o cerco e abrirse a outra realidade. Pertencen a unha clase media con certos negocios domésticos ou profesionais e recluídos na mentalidade das vilas pequenas, onde falan castelán e a política galega enténdena desde o contexto estatal.


Por outra banda, en Galicia existe un electorado fluctuante que case sempre vota a quen goberna en Madrid. E este electorado converxe con aqueloutro que intenta que o seu voto sexa eficaz dándollo de prestado ao partido que considera que debe gañar as eleccións para substituír ao que considera que goberna mal, como é o caso do PP. Nin mais nin menos, o PSdeG aglutinou os votos que se lle negaron ao PP e ao BNG, por diversas circunstancias.


O líder do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, que aguantou o tipo e deu unha imaxe consolidada, convenceu e marcou unha liña de actuación sen súpetos que houbera que corrixir. Falou o galego a cotío e non entrou a navalladas dialécticas cos que o insultaban. Por tanto, Pérez Touriño foi moi xeneroso co seu adversario. Este tipo de actuación tivo respostas positivas entre o electorado. Hai que considerar, tamén, que o futuro presidente da Xunta é un home moi introducido no aparato federal do PSOE, que foi, xuntamente con Pepe Blanco, desde Galicia, un dos mentores de que Rodríguez Zapatero saíra elixido secretario xeral do PSOE. Parece ser que é un home de conviccións e de contundencias, deses que fan "camiño ao andar".


Mais o seu partido en Galicia tivo varios esvaróns ao non saber ou querer corrixir a tempo e que agora ten que comer o sapo. Paco Vázquez é un deses batracios malos de engulir que fai sombra a ideas e proxectos progresistas que poden xurdir do PSdeG. A negativa a normalizar o nome da Coruña é un caso patético do antigo guerrista que daba a sensación de ser un radical á esquerda de Felipe González. Estas omisións do PSdeG fronte ás incoherencias do alcalde da Coruña pode que minimicen certas proxeccións de cambio de actitude deste partido. O PSdeG toleroulle a Paco Vázquez esas histerias antigalegas e o coqueteo constante co PP, agradecéndolle ao goberno de Aznar, nun acto público, o "bo comportamento" que tivo no caso Prestige. Dados estes antecedentes estamos na sospeita e, tamén, na dúbida de se o bo talante de Pérez Touriño impoñerá unha acción unitaria e de bo goberno alí onde o PSdeG ten confusións. O caso do alcalde de Lugo, López Orozco, é bastante ilustrador: dun goberno compartido co BNG pasou a unha maioría absoluta pola súa boa xestión municipal. Pérez Touriño terá que corrixir certos desfasamento dun PSdeG na órbita dunha política estatalista e concentrarse, desde o goberno da Xunta, na verdadeira e peculiar problemática que ten Galicia se quere ter credibilidade e non caer nos mesmos erros en que caeu o PP. O PSdeG terá o goberno compartido de Galicia e sería bo que siga tendo credibilidade.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía