logoGrupoCorreoNa morte de Vasco Cabral Martes 13.09.2005
ECOS DA BERENGUELA - GaliciaHoxe.com

Xosé Lois García

De volta de vacacións atópome co telegrama do escritor goense, Orlando da Costa, que me notifica o falecemento do escritor e político, Vasco Cabral.

No meu mail estaba outro aviso do intelectual guineano, Amadila Baldé. Os dous falan dun tema importante e malo de dixerir como é a morte dun enorme amigo como era Vasco Cabral. Dun dirixente político cunha grandeza cívica e cunha loita pola liberación da Guiné-Bissau incomparábel e sempre ao lado do fundador das nacións da Guiné-Bissau e Cabo Verde, o saudoso Amílcar Cabral.

Vasco Cabral naceu o 23 de agosto de 1926 en Farim, no norte da Guiné-Bissau, un día despois de cumprir os seus setenta e nove anos (24-8-2005) falecía en Bissau. Toda unha vida consagrada á liberación do seu país motivo polo cal estivo varios anos en cadeas e en campos de concentración salazaristas. Con Amílcar Cabral foi un dos fundadores do PAIGC (Partido Africano pola Independência da Guiné e Cabo Verde). Dirixente deste partido, varias veces ministro e vicepresidente do goberno na época de Nino Vieira. Vasco Cabral asistiu ao tráxico asasinato de Amilcar Cabral, aquel 20 de xaneiro de 1973, e foi un dos homes que máis resistiu a que os axentes da PIDE cometesen outros asasinatos con outros membros do Secretariado do PAIGC. No libro: Três Tiros da PIDE (quem, porquê e como mataram Amílcar Cabral), do escritor ruso, Oleg Ignatiev, publicado en Lisboa en 1975, constátase todo o relato dese crime e o protagonismo que tivo Vasco Cabral ao repeler e perseguir aos asasinos. Isto evidencia a coraxe deste dirixente en favor da liberación do seu pobo.

Con Vasco Cabral mantiven varios anos de correspondencia antes de coñecernos en marzo de 1993. Nese ano cheguei a Bissau procedente de Lisboa con Orlando da Costa e a poeta mozambicana, Noémia de Sousa, sobre as tres da noite, e os meus ollos non acreditaban ao ver ao vicepresidente do goberno, Vasco Cabral, e a súa muller, Teresa, á nosa espera nas escaleiras do propio avión. Percorremos o país durante dez días na súa compaña e falamos de tantas cousas de loita e liberdade. Despois deste encontro estivemos de novo en Cabo Verde nun congreso literario e alí convivimos con outros históricos dirixentes da loita de liberación da Guine-Bissau e Cabo Verde, como Arístides Pereira, ex presidente de Cabo Verde e do actual presidente caboverdiano, Pedro Pires. Foi en Barcelona, na miña casa, na que seguiran as conversas e a amizade. Despois os encontros foron sucedéndose en Lisboa e en Coímbra.

Pouco aportariamos á inmensa figura de Vasco Cabral, ficando só no escenario político. Vasco Cabral era doutor en Ciencias Económicas e Financeiras pola Universidade Técnica de Lisboa e foi un enorme dinamizador da cultura e da literatura guineana, nun país desculturalizado polo colonialismo portugués, onde mais do noventa por cento da poboación era analfabeta. Percibiu que a cultura e a literatura ían de maos dadas coa loita revolucionaria. Os seus poemas de prisión, escritos a partir de 1953, converteron a Vasco Cabral no primeiro poeta en lingua portuguesa de Guine-Bissau, cuxos poemas foran publicados en edicións clandestinas e pola guerrilla, ata que en 1981 se publicaron co título: A luta é a minha primavera. Servidor, foi o primeiro en dicir que Vasco Cabral era o lexítimo precursor da poesía guineana. Houbo algúns que protestaron mais pronto tiveron que corrixir seu erro e recoñecer que Vasco Cabral foi o primeiro poeta da Guine-Bissau. A súa poesía está dentro do temario de revolta e realismo social, como non podía ser doutra maneira, nas circunstancias en que estaba o seu país. A súa poesía é un alegato, firme e sincero, en favor da liberación e do socialismo en África. A Guiné-Bissau ten reservado, sen dúbida, as mellores páxinas das súas glorias a un dos heroes mais honrosos e fértiles que tivo este país renacido da loita que mantiveron combatentes ante colonialistas como Vasco Cabral. Esa vella estirpe vai ter unha longa presenza en calquera presente e calquera futuro da historia de África. Fique con nós o seusoneto: ‘O último adeus dum combatente’.

martes, 13 septiembre 2005

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía