logoGrupoCorreoFomeforte, un libro de poemas Martes 20.09.2005
ECOS DA BERENGUELA - GaliciaHoxe.com

Xosé Lois García

A editorial brasileira Crisálida acaba de publicar un libro de poesía de Andityas Soares de Moura (Barbacena, Minas Gerais, 1979), titulado: ‘Fomeforte’.

Con este poemario a poesía brasileira e especialmente a poesía lusófona gaña un autor de consolidados atributos que esclarece unha serie de roteiros polos que este autor transita, conflúe e atina co lugar certo da súa pegada en tantos lugares concorridos e concorrentes. Digamos que a nova poesía brasileira gaña un excelente autor que é capaz de romper certo anquilosamento, en que están metidos certos autores novos brasileiros, e abrirse a novos espazos e rexistros, sen medos e con contundencia.

Andityas é un poeta dunha fonda formación literaria que, sen dúbida, lle vén de ser un excelente lector e buscador de tódolos perfís que calquera material poético se lle ofrece. Polo tanto, estamos ante unha poesía intelectualizada, metafísica e nada artificiosa, dado que o seu autor bebe de cristalinos e incontaminados mananciais nos que tantos poetas ignoran esta fascinación de tan claras evidencias. O indicativo máis sorprendente está nos primeiros poemas de ‘Fomeforte’, onde o equilibrio e a exploración desa busca compensa o seu traballo, tan ardoroso coma contundente, e, tamén, recompensa o lector por ser levado a unha versificación doadamente lexíbel e comprensíbel, como máximo don de ser levado a descubertas do que Andityas nos depara.

A análise das cousas tan mastigadas e celebradas pola psique deste poeta non deixan de sorprendernos. No poema ‘Tempo de chuva’ encontramos nove pintores que el pasa pola criba e sintetiza os impactos e as referencias que eses cadros o teñen impresionado e que en tres versos, sen ser haikus, leva á arte poética a arte pictórica. As relacións e os modos non poden ser máis atentos cara ao que observa desde a súa propia necesidade de concorrer a outros símiles creativos pero con linguaxes diferentes e impresións nada fugaces que trata de unificar para sobreporse da impresión e elevándose por enriba do que o creador pictórico ten realizado. Neste sentido, Andityas Soares de Moura convértese en crítico de arte, en verso, como Eça de Queirós o tiña feito en prosa. Outro gran poeta mineiro, como Carlos Drummond de Andrade, entrou nesta maneira de levar ós seus versos varios extractos pictóricos de creadores que podemos ollar no seu libro: ‘Farewell’, concretamente no poema: ‘Arte em Exposição’, onde se advirte a recreación de interpretar o outro lado do que, sen dúbida, forma parte da poesía.

Andityas, desde a parcela da linguaxe e da literatura brasileira, é un poeta que regresa ás fontes da lingua e da literatura galaico-portuguesa. Regresa aos inicios dese gurgullar da ánima ancestral para integrarse na sintonía galaico-lusófona e faino con cantares de amigo. Antes de mais, digamos que Andityas Soares de Moura é un investigador de Rosalía, Manuel Antonio, Celso Emilio Ferreiro e outros, sen primeiro pasar pola impresionante escola que conforman os trobadores medievais. Ata o punto que neste libro volve ás orixes disfrazado de Pero Peor, súa travestida criatura, que aparece con cinco cantigas de amigo, como se fora un epígono de Martín Códax. Andityas constrúelle a Pero Peor un espazo físico propio nas orelas do Miño e imponlle esa apostasía de rezarlle ao propio demo. Estamos ante un poeta que volve ás augas limpas do galego que deu orixe ao portugués que Cabral levou ao Brasil. Se García Lorca ou Carles Riba se enxergaron na lingua galega, con maiores razóns faino Andityas. Non é a primeira vez que, xa noutro poema dedicado a Xohán de Requeixo e outros anteriores vén lexitimando a súa vocación de trobar. Para trobar (encontrar, no léxico provenzal catalán) primeiro hai que buscar e investigar e así o fai este poeta coa súa grande achega que manifesta en ‘Fomeforte’. Andityas Soares de Moura, con este libro, vai figurar na gran nómina dos escritores de ampla proxección lusófona. Unha proxección que comeza no Brasil e que regresa ata Galicia, pasando en horizontal á procura dos que crearon cantiga.

martes, 20 septiembre 2005

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía