logoGrupoCorreoFrida Kahlo en Compostela - Martes 13.12.2005
ECOS DA BERENGUELA - GaliciaHoxe.com

Xosé Lois García

Prace unha peregrinaxe a Compostela para estar ao redor das iconas e dos gurús de Frida Kahlo. A Fundación Caixa Galicia atinou en reconstruír boa parte da vida, aventuras e traxedias de Frida.

O audiovisual que se presenta na exposición esclarece, pormenoriza e, tamén, xerarquiza todos eses achegos testemuñais que relatan parte da vida axitada e libertaria de Frida Kahlo, que non deixa de ser exemplarizadora e marcante en estímulos agresores para rachar cadeas e escurantismos.

Nesta exposición de Compostela, en toda esa simplificación fotográfica que relata boa parte da súa biografía, con notábeis cadros que nos descobren as súas contundencias. Nesta exposición, nada desdeñábel, atopamos varios elementos singulares que ela soubo particularizar e nacionalizar. As orixes culturais do México pre colombiano e colonizado déixanse sentir neses trazos e nesas faces que individualizan as raíces aztecas, por enriba das conceptualidades realistas e universalizantes que predominaban naqueles que practicaban a ideoloxía marxista. Frida Kahlo, ateigada de stalinismo, maoísmo e amiga de Trotski, non aplicou na súa creación pictórica os esquemas da esquerda da época, como aconteceu co seu compañeiro, o pintor Diego Rivera.

Frida pintouse a ela mesma, proclamándose en exclusiva, o seu egocentrismo ben adobiado de narcisismo. A utilización do eu, sen finxir ser ela propia reivindicada, explica moitos dilemas do azoroso amor e desamor que manifesta a través de seus cadros. Mais en todo ese seu drama pictórico, o seu busto aparece autoflaxelado e exhibindo unha serie de elementos surrealistas que están connotados na ideoloxía marxista. A revolución de outubro en Rusia implicou os poetas e os pintores, como podemos ver nos poetas surrealistas franceses e nos pintores cubistas. O impacto surrealista fecundou non poucas particularidades moi heteroxéneas. Esta concertación, para Frida Kahlo, gravita en excelentes matices pictóricos onde a tenrura, o despoxo, a fraxilidade e, tamén, o dramatismo son significados que insinúa non coa intención de significar e si para simbolizar as carencias existenciais. Nesta particularidade é que está presente o ser humano dentro do conflito de loita de clases. Frida particularizou dunha maneira excéntrica a súa práctica comunista, desde unha perspectiva pequeno burguesa. A busca do real convertida en surreal. Pode que aquí se multipliquen moitas Frida de diversa dimensión e alcance, tal como se personalizan en seus autorretratos. Os formatos impostos e os elementos integrados lévannos a esas esgazadoras pasaxes da súa vida en transo. Nesta exposición, podemos visualizar esa Frida Kahlo na súa propia graza e desgraza.

É verdade que Frida se autorreverencia á marxe do que Diego Rivera rehabilitou do lado revolucionario. A identidade do proletariado mexicano, as revolucións da década dos vinte, do século XX, inspiraron en Frida Kahlo certeza no rexurdir dunha esperanza estética. As súas pinturas forneceron todas aquelas inventivas de cambiar de escenario. Frida foi unha devota da revolución bolxevique e, nesta dirección, non deixou de apoiar os brigadistas revolucionarios que loitaron en prol da II República española, no período da guerra civil.

Nesta exposición de Compostela hai unha dor e un patetismo dramático no que ela está presente, ata o punto de que nos fai integrar nese relato estético que gradúa a nosa contemplación. O drama, manifestado nese aborto que ela tivo, manifesta unha fonda obsesión por mostrarse desvalida e verse persuadida pola morte que é outro dos elementos destacados por Frida Kahlo: contempladora da súa propia traxedia que nos fai integrar nela, propiciando un universo pictórico sen barreiras. Desde o lado máis doloroso da súa propia existencia, a Fundación Caixa Galicia ofrécenos todo un roteiro de buscas e capturas do atractivo e acedo paraíso desa Frida tan cargada de dramatismo que soubo avanzar a contra corrente por varios escenarios da súa vida tan particular e nun mundo que agora comeza a comprendela.
Martes 13.12.2005

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía