logoGrupoCorreoPor un Sáhara libre, martes, 27 diciembre 2005
ECOS DA BERENGUELA - GaliciaHoxe.com

Xosé Lois García

Hai poucos meses que uns dubidosos intelectuais marroquís publicitaron no xornal El País unha pintoresca diatriba receitándolle á intelectualidade española que era solidaria coa causa dun Sáhara independente a non discrepar coa integración do Sáhara como parte territorial e histórica de Marrocos.

Soubemos que todo aquel remanente de máis dun centenar de sinaturas era de xornalistas, na súa gran maioría, adeptos ao corrupto sistema monárquico marroquí. Un desaforado texto contra a dignidade e as aspiracións de independencia do pobo saharauí que ía dirixido aos intelectuais e a todos aqueles que simpatizaban ou axudaban a causa da liberdade do Sáhara Occidental.

O menosprezo deses asinantes e a súa reiterada negación a unha realidade tan ilustrativa como é a colonización e o xenocidio que os poderes ditatoriais están desenvolvendo desde hai trinta anos contra o pobo saharauí non se pode ocultar e menos xustificar. Mentres existan lacaios desta estirpe por unha migalla de cebada que o amo lles tira baixo a mesa de xantar, eses cadeliños móstranse xenerosos e defenden o indefendíbel do seu monarca opresor.

Ultimamente está saíndo á luz unha serie de temas sobre a ditadura da monarquía Alahuíta e o menosprezo polos Dereitos Humanos, tan ausentes na vida dos marroquinos. O asoballamento de Marrocos por Hassan II e agora por Mohamed VI, aclara moito sobre a diáspora dese pobo magrebí que ten que buscar as súas dádivas en terras estranxeiras; do poder omnímodo e oligárquico que é capaz das máis funestas violacións dos dereitos máis primarios que se lles negan a magrebís e saharauís.

Os recursos produtivos están en mans desta oligarquía despótica e medievalista cuxa monarquía non vacila en ningún momento en eliminar fisicamente os seus adversarios. Un pobo que aínda se mantén na miseria e no analfabetismo: amén de todas as crueldades tipificadas por un poder sen escrúpulos. Á monarquía oligárquica, o único que lle interesa son os fosfatos e os bancos de pesca, o demais é terra queimada. E estes intereses compártense coas oligarquías do imperio estadounidense. Por iso é que se a pacificación do Sáhara pasa polo plan Baker, este país que aspira á súa independencia seguiría baixo o poder das dúas oligarquías que o asoballan actualmente.

Marrocos non deixa de ser unha colonia do imperio USA. Todos sabemos que está dentro do parámetro de cobertura militar e económica que os ianquis precisan. Así se sustenta esa monarquía corrupta e sanguinaria que erixiu ese enorme muro de contención humana e contra a estratexia guerrilleira dos saharauís. Un muro como o de Palestina ou como o do desaparecido apartheid surafricano que tanto xustificaron os inquilinos da Casa Branca. Mais o muro de Berlín era para eles o muro do monstro comunista que había que derrubar. Desaparecido o de Berlín, o do Sáhara está para reter e dominar o pobo que aspira a lexitimar a súa nación e a súa liberdade.

O pobo saharauí leva trinta anos baixo o dominio marroquí. A ditadura franquista tivo moito que ver con ese transvasamento de dominio que se fixo coa escandalosa Marcha Verde naquel novembro de 1975. Os gobernos democráticos de España en nada axudaron a esclarecer aquel pacto escuro que se fixo entre Hassan II e os que representaban un Franco moribundo. Non cabe dúbida de que o actual Sáhara está sometido pola monarquía magrebí grazas á horríbel descolonización de España. E quen goberne no Estado español sempre estará en débeda co pobo asoballado do Sáhara. E neste contencioso, os gobernantes españois están silenciando unha realidade tan cruel da que son coñecedores e todo por asegurar a boa veciñanza con Marrocos que lle achega intereses ao silenciar a reivindicación de Ceuta e Melilla a cambio de algo tan importante como é a de non entrar, como potencia que colonizou o Sáhara, neste conflito no que o Estado español ten moito que aclarar e pouco que xustificar.

martes, 27 diciembre 2005
xornal

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía