logoGrupoCorreoEvo e a socialización de Bolivia - 10.1.2006
ECOS DA BERENGUELA - GaliciaHoxe.com

Xosé Lois García

Como un enorme movemento telúrico, o pobo de Bolivia levou cun 54% de votos a Evo Morales ao poder. Esta é a terceira intentona que o pobo colonizado de Bolivia fai para ser libre e dono de seus recursos naturais, usurpados e dilapidados por unha oligarquía política e económica que, ...

...historicamente, deu probas de non ter escrúpulos de venderlles estes recursos ás multinacionais de quenda que explotan este país. O pobo de Bolivia sempre tivo conciencia da súa situación colonial e foi no século XVIII liderado polo indíxena Tupaq Katari, que se rebotou e foi asasinado polos españois. Mais antes da súa execución advertiu: "Volverei e serei millóns". O cumprimento desta promesa faise profecía en Evo Morales. A segunda rebelión popular realizouse en 1952 con Paz Estensoro que en nome da socialdemocracia lles deu vantaxes ás multinacionais ianquis ata que os traballadores bolivianos fixeron posíbel, por pouco tempo, o desenvolvemento dunha gran fronte popular antiimperialista. Pese a todo, frutificou conciencia e emancipación ata chegar á situación actual.

Mais o aval popular que levou a Evo ao poder xa ten resposta polos medios de comunicación en mans da burguesía boliviana que están intentando confrontar a Evo con Bush, con palabras que Evo non dixo. Desde o primeiro momento que os resultados das urnas evidenciaron o que quere a maioría dos bolivianos, os medios de comunicación amarelos orquestraron grande espantada e descreto sobre o presidente elixido. E isto repercutiu noutros medios interesados en desacreditar a Evo Morales e os seus apostantes. A ridícula parodia que fixo de Evo e Zapatero a COPE non é un caso illado, está dentro dunhas consignas moi premeditadas que irán en aumento a medida que o Goberno de Bolivia tome decisións sobre o seu futuro. Ou as opinións vertidas sobre as primeiras visitas do presidente electo que fixo a Fidel e a Chávez, creando incertezas perversas e atizando lume sobre ese mantido e ridículo eixe do mal que tanto aos ianquis lles agrada mencionar. Se Fidel envía médicos e ensinantes a un espazo tan depredado por enfermidades e polo analfabetismo, ben idos sexan. Ou se Bolivia recibe petróleo de Venezuela, fantástico. ¿Quen máis se suma a esta solidariedade?.

Hispanoamérica está cambiando o seu mapa político e, sobre todo, o seu mapa racial. Os indíxenas, eses manifestos desposuídos e colonizados, con vontade de dignificar a súa existencialidade, grazas á súa conciencia política os aimarás e os quechuas emerxen dun espazo represor cara a outro liberador. E estes espazos tan concretos e tan separadores non hai que confundilos cando a liberación xorde democraticamente das urnas.

A loita de clases en Bolivia e os poderes en confronto aclaran e animan a profundar na realidade deste país que, desde as guerrillas do Che ata o triunfo de Evo Morales, hai todo un contexto que cómpre analizar e que nos resulta esclarecedor o caso concreto deste triunfo electoral por maioría absoluta.

O sindicalismo boliviano, con Evo Morales como invicto dirixente, e apoiado polo MAS (Movimiento al Socialismo) lévanos a pensar que o Evo de cultura e etnia aimará toda a súa aprendizaxe a fixo co pobo humilde e humillado de Bolivia e pode estar máis na liña ideolóxica do peruano José Carlos Mariátegui (1894-1930), da mesma etnia que a súa, fundador da Confederación General de Trabajadores del Perú. Mariátegui foi o gran teórico do marxismo en Hispanoamérica e o esclarecedor dunha dialéctica sobre a opresión e represión dos indíxenas por parte dos oligarcas. Mariátegui expresou o seguinte: "Non nos basta condenar a realidade, queremos transformala. O marxismo é satisfactorio por iso: porque non é un programa ríxido senón un método dialéctico". Coidamos que Evo está nesta dirección do mestre da dialéctica e do método emancipador dos indíxenas. A estética de Evo, co seu xersei de cores e de la de llama, dinos moito da ética que pode levar no poder sen subordinarse ás gravatas e ós coellos amidonados.

Privilexiar a comunidade dos marxinados pode ser o gran reto de Evo Morales.

martes, 10 enero 2006

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía