logoGrupoCorreoO can de Aguiño - 19.09.2006
ECOS DA BERENGUELA - GaliciaHoxe.com

Xosé Lois García

O veterinario, Federico Real, estaba na dobre obriga de denunciar o maltratamento a un ser vivo. Non podía ser doutro xeito, moralmente e profesionalmente. Todos vimos a Juan Lado, o sañudo agresor, darlle unha malleira que irrita aínda ós menos preocupados e insensíbeis cos animais. Revelada esta agresividade consumada contra un can, ademais atado, non serven alegatos posíbeis en favor do agresor e menos as xustificacións derivadas deste feito aldraxante. Se o dono de Roni, o can de Aguiño, foi incapaz de educalo en función de que non puxera en perigo a vida das galiñas, tiña que entregarlle o can a un servizo público de protección de animais e non incorrer nese grave atentado contra a vida do animal. Os problemas persoais que poidan ter Federico Real e Juan Lado están na marxe dun feito probado e reprobado.

Baterlle a un can ou a outro animal doméstico é unha vella práctica que se verifica constantemente na Galiza. E estes horríbeis costumes son os que hai que erradicar, con prioritaria urxencia, porque pertencen a aquela Galiza profunda que ignora o valor da vida dun animal. Neste caso, non pretendemos xeneralizar pero si matizar certas condutas moi individualizadas, como no caso que nos ocupa e que teñen que ser corrixidas e contrarrestadas cos medios máis oportunos. Mais o que é preciso é sensibilizar a sociedade, comezando polas escolas. É urxente que os pedagogos dean un paso cualitativo para superar esas carencias coas que habitualmente nos atopamos ante feitos tan reprobábeis que existen pero que non se denuncian. Nestes casos debe ser un labor pioneiro o dos veterinarios que son os que coñecen puntualmente como son tratados os animais e decidir que persoas son aptas para ter un animal de compañía ó seu cargo. É importante facer un seguimento da conduta da persoa se é apta para ter ó seu cargo un animal.

O importante desa denuncia é que vén respaldar ese debate aprazado e que tantas veces silencia a agresividade de persoas contra animais indefensos. Roni e o seu agresor están na palestra e iso vén rachar o tenebroso menosprezo que aureolan tantos sucesos deste tipo. Claro que é necesario o debate, tanto na Galiza como no resto do Estado onde hai moitos Juan Lado e persoas que se suman a ese desprezo, ignorando o respecto que se debe ter por eses seres indefensos. Os maltratadores tamén se manifestan e amparan en tradicións trasnoitadas como é a de lanzar cabras desde un campanario ou asasinar touros a estocadas. Contamos cun longo e lamentábel inventario de espectáculos onde os animais son protagonistas da crueldade e depredación que ilustran tantas historias que cómpre erradicar.

É verdade que non se pode atacar a toda a veciñanza de Aguiño, polo feito de que o agresor sexa de aquí ou un pequeno grupo de veciños que apoian a conduta do veciño. Un agresor pode ter boas relacións e ser simpático cos que o rodean pero os feitos polos que foi xulgado concretan a súa sinistra personalidade. Tampouco se pode satanizar unha persoa e a vila de Aguiño tratándoos de traficantes e outros símiles que aparecen na rede informática. Os acusadores, se teñen a certeza de tal acusación, tiñan que denunciar o tema nun xulgado de garda. O demais fomenta dispersar un problema tan delicado como é o abuso e desprezo tan miserábel que aínda fan cos cans certas persoas.

Por estes consumados feitos sería desexábel que Roni fose parar a un fogar de acollida -coido que habería moitos que o desexarían como compañía- e ficar lonxe dese odio que terían que haber entre maltratador e maltratado. As autoridades teñen que actuar e darlle mellor vida a Roni separándoo desa degradada persoa e dos seus cómplices. Coidamos que non é un caso único en Galiza, denunciar crueldades como esta é misión dos veterinarios e de persoas decentes que persistan ante unha situación de tantos cans condenados a cadea perpetua como gardiáns de casas ou de granxas. A vida dun animal reducida á mais monstruosa miseria que certas persoas practican non pode ficar impune.


martes, 19-09-2006

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía