logoGrupoCorreoXosé Agrelo Hermo - 28.11.2006

Xosé Lois García

A dignificación da frase pondaliana de "bos e xenerosos" nunca máis acertada para cualificar os dons cívicos e patrióticos dunha persoa de actitudes virtuosas como foi Xosé Agrelo Hermo. Acaba de pasar o transo da vida deixándonos todo un legado de dignidade exemplar en moi variadas materias. Todo un material para desenvolver Nación. Galiza como referente en toda a obra e acción de Agrelo Hermo. Nel condénsase unha rica metamorfose desde a súa natal Santa Cristina de Barro, a parroquia noiesa na que respirou a máxima naturalidade dos ambientes rurais e as carencias da maltreita Galiza de posguerra. Foi aquí onde o don de cidadanía e de belixerancia o concretaron nunha serie de profesións laborais, desde seminarista até converterse en filólogo e profesor. A vida difícil e cohibida con atrancos polo medio, sobre todo, nas persoas que partían de cero. Teño verdadeira atracción e admiración por eses seres que da nada fan mundos nos que podemos habitar e sorrir por riba das malas chanzas.

Dicía outro noiés de rango e batuta, Antón Avilés de Taramancos: "Non son un home: ¡son un pobo/ e ninguén me pode domear!". Agrelo Hermo foi ese home de transcendencias que pensou máis no colectivo da nosa Nación que nas cousas individuais dun domesticado. Múltiples referentes avalan o seu quefacer de dimensións en tempos de asoballo. Agrelo propiciou espazos de liberdade. O teatro como expresión: dador de refuxios da palabra ferida e secuestrada para ceibarse do prohibido. E foi así como percorreu a xeografía galega coa representación de Noite de lobos. Un teatro pedagóxico e capaz de instaurar un pensamento político e belixerante. Foi en Chantada no ano 1973 onde coñecín a Agrelo Hermo, nunha desas representacións que por aqueles anos era famosa. Tiven a impresión de que era un home con vitalidade de aceiro, capaz de vivificar un home novo para o noso país; capaz de dar pulo ás cousas necesarias no que transcende o noso nacionalismo. O seu teatro era dinamizador e transeúnte, dado que o levaba aos lugares máis rudimentarios e carentes de mensaxes de liberdade. A expresión escénica galega tivo en Xosé Agrelo Hermo un dos seus mellores guieiros que, sen dúbida, fortaleceron un espazo de vangarda inspirado nunha renovación que espallase os mellores dons da nosa idiosincrasia. Polo tanto, Agrelo Hermo sempre terá un lugar meritorio na historia do teatro social e patriótico de Galiza. Porque el foi un dos puntais de crear un espectáculo cívico e, sobre todo, de reflexión.

Agrelo foi un intelectual silencioso -non sei se silenciado- que soubo erixir o que máis lle cómpre a esta nosa Galiza, tan orfa como maltratada. A editorial Toxosoutos é outro deses altivos monumentos mais eficientes creada polo noso compatriota, para cubrir espazos e tentar unificar ideas nun país tan carente de canles necesarios capaces de substituír os vellos dogmas foráneos por iniciativas que representen a nosa identidade. Toxosoutos expresa o itinerario marcado por Agrelo Hermo e outras persoas da súa confianza. Polo tanto, temos en todos eses proxectos un abrir de fendas para resolver Nación. Insisto no de Nación con maiúscula porque era a credencial de Agrelo.

Coido que Xosé Agrelo Hermo deixou eficiente pegada, desas que son resolutorias para concretarnos en debates que procuran loitas pacíficas pero invulnerábeis. É notorio que o seu pasamento se fará sentir en non poucas maneiras de concibir esta nosa Galiza irredenta, na que Agrelo foi un incansábel pioneiro de ir pola vida sen personalismos e sempre no quefacer dun renazo intenso, en función dos intereses de Galiza. É verdade que os homes de ben nunca morren, transcenden a outra dimensión e que, sen dúbida, os seus nobres exemplos sempre teñen continuidade.

martes, 28-11-2006

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía