logoGrupoCorreoMinas Gerais: pulo iniciático do Brasil - 06-02-2007

Xosé Lois García

Vencendo as transhumancias do ir e vir de catro aeroportos un chega a Belo Horizonte, capital do Estado brasileiro de Minas Gerais, onde me agardaba o escritor Andityas Soares de Moura, e acompañounos dunha forte treboada de choiva e lóstregos que iluminaban o ceo nocturno mineiro. Unha festa de luzadas e estrondos introduciunos na capital mineira, unha noite para lembrar naquela soidade urbana da grande urbe que é Belo Horizonte. Pola mañá, unha densa néboa poñíalles un fermoso e incomparábel acento a todos eses rañaceos de vidro, metal e ladrillo que parecen bágoas traídas doutras galaxias para facer apousento neses vales e coroar os cumes con eses sorrisos arquitectónicos.

Comprobo que as cidades no Brasil case todas foron feitas por decreto, Belo Horizonte foi creada en 1898. O seu crecemento demográfico luciu a pasos axigantados, cando o mundo capitalista, bancario e financeiro apurou para converter este espazo nunha gran capital desas Minas Gerais para superar aquel histórico fortín de Ouro Preto onde se iniciou a loita contra o colonialismo portugués. Nese Estado iniciáronse os primeiros e afirmativos brotes de independencia. O espírito mineiro foi emprestado a todo o Brasil para que irradiara luz perdurábel no seu nacionalismo patriótico.

Belo Horizonte é un labirinto en plena efervescencia, onde todo se dinamiza a pleno tempero. Non busquemos grandes respostas do seu centenario pasado, pero ese enorme xentío que percorre as rúas pode darnos varias claves do temperamento mineiro, nese seu cálculo de inventar para perdurar. Talvez sexa o temperamento mineiro un dos que máis nos aproxime a esa mentalidade iniciadora das grandes empresas que o Brasil iniciou e aínda non rematou. Afable e recatado, coido que pola súa mirada penetrante adquiren unha boa psicoloxía do seu interlocutor. Din que os mineiros son desconfiados como os galegos, este é un bo síntoma de ter temores ante o descoñecido, e non medo a conquistar o que se descoñece, abrindo fendas en herméticas odiseas.

En Belo Horizonte todo me pareceu grande e a presenza do humano, nas súas diversas condicións clasistas e, tamén, na loita de clases, a que non deixa a un indiferente. E mentres un olla a xente que transita afanada non sei en que dirección, móstrase tamén o rostro humano de quen transgride para ter respiro baixo ese rectángulo de ladrillos e latas que se empeña en situarse por agrestes montes que todos coñecemos co nome de favelas. Aí vive esoutro Brasil que aínda agarda das promesas do presidente Lula, na súa cautelosa e residual desesperanza. Mais o outro Brasil maniféstase curiosamente fardado e separador e un tanto invisíbel. Así están as cousas neste pais -que eu diría continente porque excede en corpus e anima a calquera outro país- onde todo se concentra e se minimiza.

En Belo Horizonte os paseos e as grandes avenidas non teñen final e percorréndoas en auto un visiona os verdadeiros paladíns da historia que non silencian o país que é. Os meninos da rúa, levan mercancías baratas que pousan no espello retrovisor dos autos cando estes se paran nos semáforos; outros fan acrobacias á procura dunha esmola, a indiferenza con eles continúa. Coido que con darlles esmola pode que aínda se fagan máis pobres. Estas carencias son un problema de Estado e este ten a obriga de resolver. Resolvendo a pobreza que existe no Brasil desaparecería unha boa parte desa psicose que a cidadanía ten ante a violencia que exercen os desposuídos dese mundo.

En Belo Horizonte comezamos o noso camiño un tanto iniciático, porque Minas Gerais é unha terra de camiños diversos e nunca breves, con viravoltas que nos levan e nos retraen por un fabuloso universo de paisaxes e de monumentos sen par.

martes, 06-02-2007

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía