logoGrupoCorreoFisionomías de Ouro Preto -20-02-2007

Xosé Lois García

Diversas son as fisionomías que nos presenta unha das cidades máis emblemáticas do Brasil, como é Ouro Preto, no estado de Minas Gerais. Manuel Bandeira, excelso poeta e bo captador de imaxes, dixo: "Ouro Preto é a cidade que não mudou, e nisso reside o seu incomparável encanto". Esta cidade histórica e monumental non transgrediu a súa estrutura orixinaria, fundada en 1711 co nome de Vila Rica de Albuquerque. Despois denominouse Vila Pobre, por poucos anos, e definitivamente normalizou o nome de Ouro Preto. Aquí chegaron en 1698 aqueles especuladores portugueses, coñecidos como os bandeirantes, que procuraban ouro. Aínda están a bo ver os furacos naquelas verticalísimas montañas que parecen cicatrices, mostrando a rapina do ouro que aquel afamado rei João V, que gobernou Portugal desde 1706 a 1750, empobreceu as minas de Ouro Preto para construír aquela loucura de ostentación como é o pazo de Mafra.

O ouro da antiga Vila Rica aínda deu para construír todo un tecido urbano, en medio daquelas pendentes montañosas, con rúas e casas de beleza sen par que mostran o orgullo de ter un gusto de plena sobriedade e non magnificado na opulencia. Aí están esas nove igrexas barrocas en diversos puntos estratéxicos da cidade, impoñendo o seu ímpeto nese estilo exuberante, onde esas liñas arquitectónicas parecen unha sinfonía de clamores galácticos. Sírvanos de mostra todas eses enganches compactos, invento creativo do grande Aleijadinho. Non podemos deixar de falar do Aleijadinho en todo este amplo trazo xeográfico mineiro, onde o ouro tiña presenza. A igrexa de San Francisco de Asís é unha boa mostra até onde levou o Aleijadinho a transformación do barroco nunha expresión viva do que el entendía por arte e natureza na súa totalidade complementaria. Eses púlpitos tan xeometricamente esculpidos dimensionan o perfil creador do Aleijadinho. Diante deles, o poeta mineiro, Carlos Drummond de Andrade, versificou: "Senhor, os púlpitos mudos/ Entretando me sorriem,/ Mais que vossa igreja, esta/ Sabe a voz de me embalar.// Perdão, Senhor, por não amar-vos". Para falar de arte en Ouro Preto temos que ollar un dos grandes pintores do barroco destas igrexas como foi Manuel de Ataide (1762-1830), que fornece o estilo arquitectónico e escultural do Aleijadinho. Todo este conxunto monumental levaron á Unesco a declarar a Ouro Preto Patrimonio Cultural da Humanidade. Ouro Preto é hoxe unha cidade moderna que vive e transita dentro do antigo e que non permitiu construír edificios modernos, deses altos e esquivos que tanto se toleran en todas partes. As casas, con súas balconadas, vitrais e decorados, custodian esas altas igrexas que desafían os mesmos deuses para o que foron construídas.

Nesa enorme praza rectangular érguese, como sabre, o ático monumento dedicado a Joaquim José da Silva Xavier, o Tiradentes, que en Ouro Preto foi quen quixo emancipar o Brasil, aínda que el non fora o insurrecto intelectual, foi o intrépido militar de baixa gradación que se levantou contra o despótico poder colonial. Foi a vítima expiatoria coa que se intentou aplacar o levantamento de Ouro Preto, despois de ser aforcado, o seu corpo estrangulado foi exhibido por varias cidades do Brasil. Era a revolta dos Inconfidentes, nos que estaban poetas e masóns articulando a independencia do Brasil.

Fronte ao seu monumento está o Museu dos Inconfidentes, no que se recolle a memoria viva dos precursores independentistas, moitos deles están en austeras tumbas. Un museo que liga o pasado máis álxido e fecundo daquela Vila Rica e nos leva ao proceso máis distinguido daquel Ouro Preto nacionalista. Ese Ouro Preto escintilante que vive agora da venda de diamantes e pedras prezadas, promontorio de arte e de artistas.

martes, 20-02-2007

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía