logoGrupoCorreoCuritiba - 1-5-2007

Xosé Lois García


Os lóstregos de verán iluminaban o ceo nocturno cando cheguei á capital do Paraná, Curitiba. Nome guaraní que fai honor ós suntuosos bosques de piñeiros; fermosos e de singular cúpula que non deixan de ser unha enorme obra de arte que a natureza impón no seu máis exuberante rigor. A enorme Curitiba, fundada o 29 de marzo do ano 1693, leva o nome orixinario que os indios nativos lle deron a este contorno, kurit (piñeiro) e yba (grande extensión).

Á miña espera estaba Maira Ruggi, amiga entrañábel, que me fixo de guía e me descubriu os encantos desta cidade singular. Mais o primeiro que eu procuro son os meus templos, as librerías. A Maira lévame á librería da Universidade, mais non atopo os libros que busco. As amábeis dependentas apúntanme que en São Paulo vou atopar. As librerías brasileiras, que eu xa descubrira en Belo Horizonte, teñen unha singular personalidade que son eses espazos con mesas e cadeiras e con servizo de bar, onde os clientes poden ler e degustar café (suave de dixestivo que a grata terra brasileira produce) e un vaso de auga gratuítos que moitas veces axudan a facer tertulia e a intercambiar ideas sobre un libro ou autor determinado. Noto a falta destes espazos aquí, aínda que as librerías Laie e a Casa del Llibre de Barcelona parece que tomaron o exemplo brasileiro e xa gozan desta peculiaridade.

Curitiba exhibe os seus nobres e modernos edificios de formigón e vidro, parece que se elevan como un cántico de aleluias evocando eses longos espazos de forestas e lagoas que puntúan en todo o radio da cidade. Desde a torre de telecomunicacións das Mercês, de 109 metros de altitude, e cun miradoiro circular desde onde a cidade sorprende as nosas retinas e congratula os sentidos nesa tan variada obra de arte urbana. O pavillón do Jardim Botánico é unha das mostras máis xenuínas que ten Curitiba, onde as formas de metal e vidro se combinan e serven como punto de fuga no medio dese enorme xardín. Administran esta sobria arquitectura, diversas frecuencias de luz que penetran en seu interior e xogan cos movementos acuáticos. A Ópera, edificio circular de ferro, metal e vidro, ten unha estrutura parecida á da Ópera de París, e está no medio dunha lagoa e rodeada dunha paradisíaca foresta. Que marabilla é escoitar aquí música clásica entre auga, luz e natura, nun medio onde se curan tódalas depresións e se esquece o mundanal barullo.

Camiñando ou en auto as descubertas que un atopa sorprenden e un ten a sensación de que o seu cerebro non vai procesar tantas exuberancias. Talvez o que máis me ten impresionado de Curitiba é o Museu Óscar Niemeyer, considerado o proxecto maior e máis moderno do Brasil, realizado por este arquitecto. O museo é coñecido popularmente como O Olho, por estar configurado en forma deste órgano. Toda unha estrutura, no medio dun enorme espazo, que emociona e un ten a sensación de integrarse e entrar nas súas entrañas. Os pais de Maira, Elsa e Carlão, leváronme alí e puiden ver varias exposicións, como a de "Cuba desnuda". Mais o impacto emocional prodúcese ao contemplar os pormenores creativos desa arquitectura asimétrica de Niemeyer; un novo estilo de configuracións que expresan a metafísica dun pensamento, na súa mais extensa plenitude, e motiva que os sentimentos teñan inmensas achegas dunha arquitectura que te eleva a outras dimensións.

En Ouro Preto hospedeime nun hotel construído por Niemeyer, de extensa liñas e curvaturas onde os espazos reclaman meditación. O Olho, expresa moitas cousas desde os moitos horizontes dos que se contemple. En Belo Horizonte merquei as memorias de Niemeyer, tituladas: As curvas do tempo, que me serviu de lectura nos aeroportos do Brasil e de coñecemento dunha das grandes figuras creativas universais do século XX

martes, 1-5-2007

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía