logo opinionPrivilexios igual a desigualdade - 4.08.2007

Xosé Lois García
A directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, Encarna Otero, deulles unha lección de ética aos cargos que exercen a política, por vía de elección ou por exercicio de confianza, que nada dixeron sobre a recente Lei de función pública, aprobada polo Parlamento Galego o pasado 17 de xullo. Unha lei que beneficiará os altos cargos políticos: outro maná de prebendas que lles cae como don celestial nos seus petos. A voz de Encarna Otero sonorizouse nese basto deserto de dúbidas que os cidadáns oen e calan reflexionando.

Podiamos falar da decencia e indecencia das persoas que exercen cargos políticos e no que toca aos seus salarios, aos seus privilexios, ás súas influencias e ás súas falcatruadas. Rara vez os xornais deixan de falar de xestos e xestións fraudulentas dos políticos. A sociedade cala por costume; o vicio é tan antigo que un o toma por un caso normal, recorrendo ao sarcasmo como medio de evadirse do problema e sorríndolle á vida. Non é bo xeneralizar sobre a perversión de certos políticos e das indecencias que algúns protagonizan. Mais sabemos moi ben o sentido que ten para os de a pé "o panal de rico mel...". Encarna Otero, alto cargo da Xunta de Galicia, encarouse á realidade enerxicamente sobre a Lei de función pública que retribuirá os que deixen de exercer cargos públicos até a súa xubilación, percibindo cada ano 14.721 euros. Isto indigna, mais un pouco de sátira pode que calme o noso desconcerto.

Neste episodio, Encarna Otero está na ira de certos señores de poltrona que lle piden que dimita como o fixo José Luis Méndez Romeu, ou as ameazas de "delito" e "desobediencia", vindas do conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, defensor dos privilexios que esa lei contempla e sen admitir a desigualdade que se produce no campo dos salarios. O Sr. Varela debe saber moi ben, pola materia política que exerce, que un asalariado de andamio ou agrícola, entre outros tantos mesteres laborais desta Galiza actual, non chega a ser retribuído con 14.721 euros por ano. En tal tamaña insensatez isto marca ben ás claras a loita de clases; o desfasamento salarial, neste caso, imposto por decreto, no que se enmarcan privilexios fronte a desigualdades.

O insólito do caso é que Encarna Otero ficou soa desde o bando político, e nada soa desde o lado dos que optan polo silencio. O silencio é ese outro maná que practican os vencidos, os parias mal pagados e esquecidos polos privilexiados que fomentan desigualdade. Non queremos pór a Encarna Otero como salvadora de ninguén, mais tampouco lle debemos regatear o don de honestidade e de ser unha expresión de inconfundíbel ética que abre unha fenda de sentido común na vida política en activo e de reflexión para que os que deixan os seus cargos renuncien a eses privilexios.

Coido que o aviso de Encarna Otero en Vieiros é moi oportuno e esclarece a patulea dos do PP, as irritacións dos do PSdeG e os seus camaradas do BNG, que calan pola baixa. Dise que "o que cala outorga". As nomenclaturas partidistas parece que neste contencioso unifican ideas; o diñeiro atrae e pacifica os adversarios, así a paciente masa que sofre mal de salario confírmao fielmente: "todos son iguais". Ao final vénse confirmar o contido dun desairado cartel anarquista, nas rúas de Barcelona, no que se representaba unha porca aleitando os seus porquiños, pero os mais audaces e poderosos acaparaban todas as tetas e deixaban desprotexidos os mais débiles.

Coidamos que o expresado por Encarna Otero é unha referencia clara e valente de dignidade que esclarece ese mundo dos que exercen a política coa idea de converterse en casta privilexiada. E sería perigoso para a democracia que certos cidadáns cambien o letreiro de protección: "Ollo ao can!", por: "Ollo aos políticos!".

Martes 14.08.2007

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía