logo opinionA ineludíbel presenza do Che Guevara - 09-10-07

XOSÉ LOIS GARCÍA

Hoxe fai corenta anos que os medios de comunicación mundial daban a noticia de que o día anterior (8 de outubro de 1967) apresaran e asasinaran o comandante guerrilleiro, Ernesto Che Guevara, ós 39 anos. Nese día despois, eu estaba incorporado na retagarda de Tiradores de Ifni, e a noticia correu entre os xefes e os oficiais militares do meu Tábor (rexemento) con odiosa satisfacción. Pouco sabía eu do Che, mais aquilo de "mataron o bandido comunista" acordou en min moita curiosidade. E cando regresei á Península caeu nas miñas mans, clandestinamente, o libro do Che La Guerra de Guerrillas e impresionoume a seguinte manifestación: "Un ferido inimigo debe ser sagrado, curalo o mellor posible". Tiven a sensación de atoparme ante un novo humanismo que nos lembraba aqueloutro: "Se che dan nunha meixela volve a outra". Mais non era isto mesmo, o novo humanismo que practicou o Che era este: "Se che golpean, golpea ti máis". O exemplo da meixela, tan mistificado como durmideira do oprimido pertence xa a un humanismo que máis que trasnoitado xa non nos serve nin como metáfora. O novo humanismo revolucionario do Che revela unha nova metodoloxía, na cal se esclarece ese dualismo en loita perpetua e cruel entre o opresor e o oprimido. O Che soubo exemplarizar o método, a estratexia e, sobre todo, os valores do oprimido para erixir o home novo; como o home rupturista co vello sistema de opresión. A superación das contradicións da loita de clases abordounas o Che dunha maneira integral e pragmática.

O seu indicativo, neste apartado, era o de loitar pola conquista de novas relacións de conduta, desbotando o vello e o parasitario, co fin de perfeccionar un ser humano integral e libre. Cando falamos dun ser humano integral e libre estamos pensando naquelas palabras súas, tan resolutivas, sobre o papel da muller nas frontes guerrilleiras, como un ser belixerante, activa e dona de si mesma e integrada con dignidade no modelo revolucionario e en pé de igualdade co home. De aquí, xorde o ser humano integral e libre de preconceptos, de tabús e castracións.

O Che coñecía o proceso do materialismo histórico e os conflitos sociais; as súas evolucións e, sobre todo, a transcendencia de cambiar a historia por medio de procesos revolucionarios. Marx dicía: "O mundo non hai que interpretalo, hai que cambialo". O humanismo do Che ten aquí a súa maior incidencia de cambio, como motor capaz de determinar o presente e o futuro dos pobos oprimidos. O humanismo do Che é revolucionario porque é científico e capaz de contrastar, verificar e determinar os procesos sociais e económicos en que se atopa unha sociedade determinada, á cal se lle deben buscar as súas verdades e as súas contradicións.

"A verdade é sempre revolucionaria", dicía Gramsci. O Che comentaba: "Hai verdades tan evidentes, tan incorporadas ó coñecemento dos pobos que xa é inútil discutilas. Débese ser "marxista" coa mesma naturalidade con que se é "newtoniano" en física, ou "pasteuriano" en bioloxía, considerando que se novos feitos determinan novos conceptos, non se lles quitará nunca a súa parte de verdade a aqueloutros que pasaran".

Cientificamente, o Che Guevara proporcionou, no contexto marxista, novas relacións económicas e insurxentes contra o sistema capitalista. Neste parámetro, é onde ó Che o observamos nitidamente como un pragmático do novo humanismo revolucionario, cando di: "Nosoutros, revolucionarios prácticos, iniciando a nosa loita, simplemente cumpriamos leis previstas por Marx o científico, e por ese camiño de rebeldía, ó loitar contra a vella estrutura do poder, ó apoiarnos no pobo para destruír esa estrutura e, ó ter como base da nosa loita a felicidade dese pobo".

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía