logo opinionSalvador de Baía 16-10-07

XOSÉ LOIS GARCÍA

Para os colonizadores portugueses o espazo marítimo, de abrigo e protección das naves e a súa defensa fortificada en espazos altos, repítese en todos os hemisferios baixo o seu dominio. A tipoloxía de Lisboa, cos barrios da baixa e da alta, serviu para repetir ese formato arquitectónico que en moitas ocasións superaron a metrópole do antigo reino de Portugal. A baía de Salvador, que lle deu o seu nome a este Estado federativo do Brasil, talvez sexa unha das máis grandes do universo. Unha posta de sol dimensiona esa beleza engrandecida polos raios asimétricos que se entregan a danzarinas ondas, mentres as olladas ditan as emocións desa dimensión natural e espiritual dese contorno.

Rente ás atlánticas ondas de Salvador, mesmo na ática terraza da prestixiosa xornalista, Theresinha Cardoso, un grupo de escritores e directivos de entidades galegas no Salvador fomos convocados a unha feijoada baiana, cuxos anfitrións foron a propia Theresinha e o poeta Ildásio Tavares. A dimensión conmovedora deste espazo contemplada baixo os sons dunha batucada afrobrasileira saídos dos tantáns, ferros e cabaquiños que son innegábel materia de candonblé salvadoreño. Mais nesa posta de sol, fronte a esas augas inquedantes, un imaxina os barcos lentos entrando nesta baía, cargados de escravos vindos de África, con ferrollos en pés e mans, mentres o barullo fúnebre do vento batía dolorosamente nos altos mastros. Imaxinaba, tamén, os brúos dos grandes buques de vapor cargados de emigrantes galegos que xuntamente cos negros africanos traballaron nas estruturas que hoxe perfilan a elegante cidade de Salvador. Dúas comunidades que representan a interculturalidade afrogalaica da lusofonía e a explotación do colonizado.

Mais desde que o miñoto Tomé de Sousa fundara Salvador de Baía a fisionomía daquel alto promontorio reverenciado polos indíxenas transformouse en imaxe paralela á de Lisboa. As ordes mendicantes e outras cubriron e parcelaron de igrexas este espazo. Din que no Salvador se pode ir aos oficios diarios durante o ano a unha igrexa diferente. Non sei se isto é esaxerado, mais eses campanarios barrocos que decoran a cidade expresan moitas das connotacións obsesivas do colonialismo portugués no nordeste brasileiro.

Coido que ese estilo barroco, de liñas rigorosamente austeras no exterior e cargadas de ornamentación no interior, proclaman unha variante do barroco que se desprende da tipoloxía portuguesa. Todo ese tramado de rúas e a monumentalidade con que se erixiu a alta co nobre barrio do Pelourinho. Aquí está ese edificio antigo vestido de azul, no que se alberga a Fundação Jorge Amado, presidida pola poeta Mi­ryam Fraga, en cuxos salóns resoou un recital de poesía galaico-brasileiro. Esta Fundação, orgullo de Salvador, deixou de recibir subvencións institucionais e a súa permanencia é bastante escura. Hai voces como a do gran poeta, Ildásio Tavares que reclama conciencia para que esa enorme institución literaria, como é a Fundação de Jorge Amado, continúe espallando o nome de Baía e o seu escritor. Realmente sería unha gran pérdida para a cultura brasileira e para os que amamos a obra de Jorge Amado.

É innegábel que o Salvador é un enorme espazo híbrido, que se nutre dunha diversidade de manifestacións culturais vindas ­doutras latitudes desiguais, mais que conviven nitidamente. Quizais os africanos e os galegos sexan os que proclamen esa diversidade. Os carnavais, o candonblé e tantas outras expresións africanas vitalizan a cultura da negritude nesta cidade. O Salvador galaico expresa, tamén, esoutra variante que ergueron na cidade como son hospitais, casas de repouso e recreo, e os centros galegos que connotan a presenza da nosa emigración desde o século XVIII até hai ben pouco.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía