logo opinionGaliza, na Feira do Libro da Habana 04-03-2008

XOSÉ LOIS GARCÍA
Desde o ano 2000 asisto cada ano á Feira Internacional do Libro da Habana, polo tanto estou en condicións de opinar dela e se teño que facer unha valoración desta diría que Galiza foi das que mellor organizaron este evento e a que introduciu un novo modelo, dado que as innovacións no deseño do noso pavillón, nesta XVII Feira Internacional do Libro, foron inéditas, e este perfil foi valorado positivamente. Digamos que a Consellería de Cultura e Deporte conseguiu romper o cerco daquel comportamento de gueto que o PP manifestou durante anos na Xunta. Desde aquel reducionismo até esta expansión na Feira do Libro da Habana exprésase unha vontade de querer romper barreiras e pór a nosa creatividade cultural e literaria no lugar que lle corresponde.

Falar desta feira -da que xa teño comentado durante anos- lévanos a destacar un caso insólito que por primeira vez se dá, é o caso de que unha nación sen Estado, como Galiza, sexa convidada de honor. Esta distinción, por parte cubana, pode que teña varias lecturas pero unha delas é a xenerosidade con que se nos trata aos galegos en Cuba. Os cubanos saben que varias xeracións de galegos están presentes na illa caribeña. Os nosos emigrantes deixaron sólidas raíces e moitos dos comportamentos que os cubanos exhiben herdáronos dos galegos. Así é que esta feira levou a Cuba -como os canons da organización esixen- unha variedade de actos que sorprenderon nesta ocasión. A presenza de Galiza gustou e conmoveu, tanto a ese millón de persoas que desfila durante quince días como aos intelectuais cubanos que sempre son o baremo exacto e a medida xusta en detectar as deficiencias ou a singularidade do país convidado. Nesta ocasión, demos sobradamente a talla e mesmo mostramos a nosa capacidade de bater un récord importante. A organización por parte da Consellería de Cultura foi de alta sensibilidade ao expor a realidade activa da nosa cultura e isto é o que realmente vale na boa dirección xestora.

Saír da caverna das incoherencias e estar presentes nunha das feiras máis importantes do mundo exímenos de certos complexos de pensar de que non estamos á altura das circunstancias. Escritores, pintores, músicos, editores etc., puxeron, nesta ocasión, nun alto apousento a nosa dignidade nacional; tal como somos, como nos expresamos e a maneira de facer as cousas, con talante e rigor.

Mais houbo voces discrepantes, talvez, con certa carga infantil que deostaron a presenza de Galiza, polo custo. Estes señores nada din das responsabilidades do goberno de Fraga cos dobres custos do complexo Gaiás. Tamén se dixo que a presenza galega nesta Feira da Habana equivalía a axudar o réxime comunista. Quen iso opinou ou é miope ou está por potenciar o minifundio cultural. Porque a Italia de Berlusconi, a España de Aznar, a Francia de Chirac e a Alemaña de Kohl foron convidadas de honor nesta feira e fixeron un gran papel como no caso de Francia (2002). Estas presenzas implican axudar o réxime comunista? Tamén se dixo que as escritoras ían á procura de noivos cubanos, esta neglixencia é unha falta de respecto irreparábel en entrar en supostos e, sobre todo, na liberdade dos demais. Por favor, que os excesos machistas non sirvan como alegato e perturbación do que foi un exemplo de convivencia e rigor por parte de toda a delegación galega.

Galiza -reitero- foi superior en organización ao que fixo España en 2001, e a outras nacións que concorreron con tal honor. A presenza da nosa cultura neste evento significa expor as nosas prioridades e, tamén, o camiño andado e o que falta por andar, non só unha exhibición de libros senón que alén do comercial está a divulgación das esencias máis vivas do noso pobo. Parabéns aos organizadores.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía