logo opinionOs vilipendios do crego de Vedra 24.06.2008

XOSÉ LOIS GARCÍA

Contaba meu pai que nos anos da Guerra Civil había un predicador que insultaba os presos que estaban confinados no convento-prisión de Celanova. Da súa boca saía toda a ruindade verbal que un pode imaxinar. Aquel crego remataba a súa diatriba de que Deus vencera os poderes diabólicos, Franco os ateos de Azaña e o idioma castelán o dialecto galego. Alí só faltaba que aparecese San Miguel coa espada, Santiago matando comunistas e San Pedro cun estadullo dándolles estacazos aos galeguistas.Cando estas pantasmas do pasado xa parecía que estaban soterrados, aparécenos o crego de Vedra, a dicir: "Nos anos 1940 prohibíannos falar galego no Seminario. Hoxe din que aquilo era unha barbaridade. Eu digo que era un acerto". Desde o seu estado cavernícola os acentos dese home, chamado Armindo Iglesias, soan a exterminio e a xenocidio cultural. As súas palabras avivan a resurrección de Franco para que batalle de novo ao berro de "luenga y soberana es Castilla" e someta dunha vez os que falamos galego, catalán e éuscaro.
Meditando ben o que este crego escribiu na súa particular folla dominical hai temas que encaixan nesa gran pirámide que vai desde o escalafón mais baixo que el representa pasando por Rouco até chegar a Bieito XVI. Estamos ante unha agresividade verbal de certos cregos e xerarquías eclesiásticas que se interesan por depredar culturas e corrixir conciencias. Por iso o laicismo, do que tanto se queixan, foméntano eles con estes esnaquizantes sermóns.

O crego de Vedra está no dereito de usar a súa liberdade para o que queira, mais cando insulta gravemente un colectivo de tres millóns de falantes -aínda que foran seiscentos- esa liberdade estaa convertendo en arma agresiva e perseguidora dos seus propios fregueses que falan galego. A prédica deste crego carece desa tendencia evanxélica de establecer paz e harmonía onde hai discordia. Coido que este señor practica moi pouco o sentido de Pentecostés, que Os Feitos dos Apóstolos, 2:1-13 narran sobre aquela enorme asemblea de Xerusalén onde todos falaban nas súas propias linguas. Esta confraternidade ecuménica e multilingüe pouco lle di ao crego de Vedra. E non sería estraño que chegando o momento litúrxico de dar lectura deste feito o trocase por aqueloutra que narra o que aconteceu coa torre de Babel (Xénese, 11: 1-9) que nos fala da dispersión das linguas, o dominio dunha única sobre a grandeza que proporciona a diversidade lingüística.

Este vetusto crego non é inocente porque sabe disparar os seus dardos coa intención de matar o noso idioma. Sería óptimo que lle deran unha dose de humildade, que aprendera do significado do sermón do Nazareno, no capítulo 6 do Evanxeo de Lucas e de "non condenar, para non ser condenado". Ou que os seus superiores lle corrixiran a súa linguaxe viperina tal como recomendou Santiago, 3: 1-18, no que se di que os cabalos precisan de freo para dominar seus malos instintos...

Tras este suceso atentatorio contra os que falamos a nosa lingua de nación, o arcebispo, Julián Barrio, está na obriga de falar sobre o caso e non deixar que o seu silencio se faga cómplice dunha tamaña ofensa, que un crego da súa arquidiocese ten vilipendiado a todos os que amamos e practicamos a nosa lingua, a non ser que o silencio do arcebispo concorde co que dixo ese párroco.

Este tema non dignifica os que se din andar cos oráculos do sagrado, segundo os cánones da Igrexa católica. Hai outros temas tamén sagrados que non se poden frivolizar, como é a dignidade, a liberdade de quen fala un idioma determinado. Julián Barrio debe saber que os agravios contra a nosa lingua, en todo o que nela se expresa, non vai favorecer en nada a credibilidade na institución que representa polo que dixo un dos seus cregos.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía