logo opinionQuen asasina o noso idioma? 07.10.200

XOSÉ LOIS GARCÍA
A nossa língua fala-se em todos os continentes. Continuaremos a cuidar dela como de uma mãe. Filhos da puta!

Sebastião Alba

O artigo do benquerido Manuel Dourado Deira, publicado o derradeiro sábado 27 de setembro, en Galicia Hoxe, titulado O galego non morre, mátano, explica varias versións practicadas por unha morea de xente, en postos claves na administración e no ensino que recúan a practicar o idioma orixinal de Galiza. Non imos repetir o escenario que dignamente expuxo Dourado Deira, só incidirmos en que se está creando un clima moi ben artillado por aqueles que constantemente degradan o galego. Porque a maior degradación dun idioma dáse cando os nativos o saben falar e non o falan. Por suposto que é un acto de liberdade. A falta de conciencia dunha Galiza integral e non diseminada conforma a dependencia secular que padecemos.

Hai unha prédica, a do desconcerto que sinala que o idioma galego está en disxuntiva, que cultivalo crea contradicións e gastos superfluos. Os depredadores e aleivosos de agora teñen eficaces medios de comunicación, un poder sempre presente para esgrimir boatos e mensaxes interesadas, todo co fin de desvirtuar o idioma galego. Digamos tamén que os partidos políticos no eido estatal e con presenza en Galiza, como son o PP e o PSOE, teñen diversa implicación en que o noso idioma perda o seu carácter nacional. Un xeito de integrar Galiza ao pensamento único que sempre foi atentatorio á diversidade Ibérica. E isto non hai máis que ver as declaracións e as prácticas sustentadas polos pepés en súas elucubracións. É dicir: hai toda unha implicación premeditada en favor de erradicar o noso idioma coa imposición do españolismo máis rancio. No discurso do PP hai contundencia e agresividade en moitos xeitos de enfocar a cuestión da nosa lingua e de crear contradición para liquidala. Os do PSOE son máis cautos en tentar dar unha de cal e outra de area, e con este tipo de pasividade tratan de configurar os seus silencios tan tenros como agresivos.

Crear conciencia no pobo galego é unha necesidade para crearlle ao noso idioma soberanía e independencia. Dado que non pode seguir sendo subalterno de decisión alleas. Isto equivale a permitirlles aos seus devoradores que o asasinen. Por moito que a estratexia propagandística expoña advertencias de que se van do país por que un alumno ten problemas co galego ou certos empresarios ameazan con irse para un espazo monolingüe, responde máis a unha estratexia de cálculo ideolóxico contra o galego que dunha loxística empresarial seria.

As leis que xera o Parlamento Galego, con relación ao noso idioma, aplicándoas xerarán outras de maior calado e contundencia para asegurar a divulgación falada e escrita da nosa lingua. Esta é a proxección coa que se debe actuar, coas as interrogacións que se queiran facer. Temos que asumir explicitamente que o idioma é o atributo de maior prerrogativa para dignificar a nosa personalidade diferencial. Por tanto, o idioma de Galiza ten que ser soberano e independente -reitero- e non estar a expensas do que digan os do pensamento único.

O noso idioma temos que proxectalo en varios horizontes, un deles é normalizalo en toda a xeografía galega, do que é orixinario. Outro é a de manter unha estratexia global polo que atinxe coa lusofonía. Somos un país que lle demos os nosos acentos á lusofonía. Por iso é fácil de entender que pertencemos ao bloque lusófono. A famosa frase do poeta mozambicano, Sebastião Alba (1940-2000), que tutela esta miña opinión, ilústranos e alértanos sobre a implacábel insidia que os totalitarios do pensamento único tentan derrotarnos. Por iso é que a utilidade consiste na contundencia de combater para permanecer.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía