logo opinionMichel Laban, na lembranza 30.12.2008

XOSÉ LOIS GARCÍA

O pasamento recente de Michel Laban (1946-2008), catedrático e especialista da literatura africana de expresión portuguesa na Universidade da Sorbone Nouvelle III de París, sorprende a todos os escritores, especialistas e investigadores destas literaturas. Michel Laban foi un fecundo pesquisador neste amplo universo literario das cinco ex colonias portuguesas. Desaparece un enorme talento na investigación e difusión desas literaturas nacionais que se estrearon no século XX e xa son adultas e independentes no presente século. Neste sentido, Michel Laban tivo un enorme protagonismo en descubrirnos grandes valores da literatura africana lusófona.

Despois da independencia de Angola chegou a este país e da mao de Luandino Vieira descubriu a literatura angolana e, mesmo, ao propio Luandino, como o gran escritor que o difundiu en Francia, traducíndoo. A tese doutoral de Laban versou sobre A obra literaria de Luandino Vieira -así titulada-. Despois deste primeiro contacto, comezou un sorprendente proxecto co apoio da Unesco, no que toca á formación de alumnos e profesores sobre estas literaturas. Michel Laban protagonizou todo un inventario maxistral de investigacións sobre as diversas panorámicas e diversidades das literaturas dos cinco. Alén de descubrirnos a grandes creadores literarios, que hoxe son valorizados en todo o mundo, Michel Laban concretou con todos eles diversos encontros, dos que xurdiron entrevistas notábeis que el titulou: Encontro com Escritores. Aos escritores angolanos dedicoulles dous volumes; aos de Cabo Verde, outros dous; aos de Mozambique tres e a São Tomé e Príncipe un. Todos eles publicados pola Fundação Eng. António de Almeida, do Porto.

En todas esas entrevistas, vemos un Michel Laban múltiple, que deseñou unha serie de preguntas claves e necesarias para entender as claves e a evolución dos escritores en súas facetas creativas. Nesas interrogacións, descubriunos todo un universo dimensional, dado que estes escritores lle falaron das súas experiencias na época colonial e post colonial. Do contubernio, da clandestinidade, da loita armada e de tantas experiencias individuais que cada escritor forxou a súa propia ruta, co fin de superar atrancos e adversidades. Deste contexto conflitivo naceron as literaturas africanas de expresión portuguesa.

Michel Laban recolleu o testemuño dos creadores africanos e a codificou, a que agora nos resulta unha ferramenta imprescindíbel para entender estas literaturas. Encontro com os Escritores convértese nun manual de cabeceira para concretarnos en múltiples verdades que sen eses encontros predominarían os incógnitas.

Michel Laban, durante tres décadas, foi o profesor que formou toda unha vangarda de alumnos que moitos deles están a investigar e a traballar nestas literaturas. Mais a súa investigación non só se limitou ás literaturas, tamén ás culturas, desde o lado antropolóxico e a contextos históricos. Todo un inventario temático que se converte nun enorme legado de interese xeral.

A literatura lusófona en África débelle a Michel Laban a tradución de obras de autores angolanos como poden ser Luandino Vieira e Pepetela; do mozambicano, Luís Bernardo Honwana; dos caboverdianos Baltasar López e Germano de Almeida; aínda do portugués, José Cardoso Pires e do brasileiro, Graciliano Ramos.

Se no ano 2007 tivemos que lamentar a perda da grande investigadora das literaturas africanas, a profesora da Universidade de São Paulo, Maria Aparecida Santilli, o ano 2008 despídenos dándonos ese enorme sobresalto coa morte deste enorme africanista, dador de sorpresas e inventivas tan voluminosas como o toro dun imbondeiro. Talvez, nalgún lugar de Angola, Cabo Verde, Guiné-Bissau, Mozambique e São Tomé, os batuques soen a orfandade.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía