logo opinionDignificar o voto 24.02.2009

XOSÉ LOIS GARCÍA
Os resultados das urnas sempre poñen marcas e cambios en calquera política, dentro dun proceso democrático determinado que producen cambios de carácter dinámico ou estático. Uns aceleran os procesos de avance en varias direccións, en que a sociedade precisa de cambios e de estar ao día nas vangardas que faciliten progreso e estabilidade ao cidadán. Outros optan polo inmobilismo e a restrición; por restar cotas de poder aos cidadáns, creando confusión como durmideira de mantelos á marxe dos problemas vitais que lles afectan, agachando datos e comportamentos. Estas diferenzas marcan estilos entre un modelo de gobernar con transparencia e outro gobernar con escurantismo.

É verdade que certos políticos frustran a boa conciencia do cidadán, debido a comportamentos negativos dos que exercen poderes e funcións democráticas, frustrando e sobresaltando a sociedade con espectáculos de conivencia; utilizando os recursos dos cidadáns como beneficio particular. Todos sabemos do perfil desa clase de políticos. Eses, moi pouco teñen que ver cos que dignifican con transparencia unha política na cal cren e está baseada nunha ideoloxía e, sobre todo, de non estar de costas ás necesidades do pobo. Moitas veces isto non se entende ou utilízase como arma para deteriorar a imaxe do adversario ou mal interpretar as circunstancias. De ningún modo podemos meter todos os políticos no mesmo caldeiro.

Hai catro anos que os resultados das urnas en Galiza trouxeron un novo modelo de goberno, cuns obxectivos de transparencia e progreso que comezaron a dar froitos, a pesar do que digan os seus detractores de quenda. Catro anos en que predominou a luz sobre tantas sombras da era de Manuel Fraga Iribarne. A Galiza mediatizada foise descubrindo a ela mesma e tomando conciencia do seu carácter emprendedor, superando contradicións. Isto non é fácil cando goberna un bipartito, pero máis difícil é de controlar a un partido que goberna con maioría absoluta e que menospreza a oposición, aplicando o seu cilindro avasalador. Todos lembramos, da era Fraga como no Parlamento galego o goberno do PP non se dignou a responder á oposición sobre problemas conxunturais, claves para resolver a nosa economía e para o desenvolvemento do noso país. Eses gobernantes estaban empoleirados na súa propia arrogancia, minimizando con parafernalias populistas os verdadeiros intereses de Galiza.

Felizmente, as políticas que se teñen feito sobre proxectos de infraestruturas están ben á vista. Catro anos non son suficientes para a execución de tantos outros que nos faltan e para aqueles que necesitan superalos, dado que foron refugados no período do Sr. Fraga, e moitos daquel período hai que corrixilos. Digamos que houbo unha sustentación de políticas claras e concisas, por parte do bipartito, que deron froito e esclarecen, pragmaticamente, a definición dun antes e dun despois.

Nestes catro anos déronse grandes batallas no que compete á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, conseguindo honrosas transferencias do poder central para infraestruturas; na Consellería de Traballo fixéronse esforzos para normalizar unha situación que o PP tiña á deriva. Na Consellería de Pesca e asuntos Marítimos solucionáronse problemas moi graves, aínda non todos. Gran paso deu Vicepresidencia en asuntos sociais, igualdade e, sobre todo, coa novidosa creación das galescolas. A Consellería de Innovación e Industria deulle un novo tempero ao despegue industrial. En Cultura e Deporte fixéronse políticas que sacaron a nosa cultura das catacumbas para exteriorizala en numerosos ámbitos. Medio Rural configurou un avance en políticas agrarias e Vivenda e Solo conseguiu frear políticas de especulación sobre solo e hábitat.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía