Circulo de luz e xisto

OOS OLLOS DE LUG


SABEMOS pouco da incineración
no tempo das pedras cando o deus Lug,
no regazo suntuoso e maternal de Taltiu,
precisaba iocular na terra dos mortos
e enxendrar ollos para o solpor.
 
El era o señor do pór da tarde
dono do sangue soterrado de Balar
e de todo
o que ficou en ruínas dos Somoré
na tarde de Mag Tured.
E Lug plantou bosques, carballeiras de luz
para os rumores de inmensa xistra.
 
Nas festas de agosto pastoreaba barbudos
tatuándoos e codificándoos
en delicados rostos femininos.
 
Un día construíu barcas de albada
coa forza dos ronseles,
para encontrar a Bregón na súa torre nupcial
e a Ith o plenilunio,
contemplando o inicio do sol de Irlanda.
 
Lug procuraba epitafios
para as portas do corazón
na terra dos mortos
e plantou pedras, moitísimas pedras.
para que os muros medraran
tecendo o perfil da música.
 
O bosque ficou enxendrado,
cercado polos ollos de Lug
no ardor da pedra labrada,
a na estirpe melancólica dos lugus.
 
_______________
 
LUIS PIMENTEL, SUBINDO ESCADAS
 
MEMORIA para alterar o perfil do vagalume
medrando na fertilidade da palabra,
dos lugares
e dos xestos máis puros e inconteníbeis
dun pobo substanciado na alborada dos muros.
 
Na sombra dos muros, as túas siluetas ardían
e ti a subir por escada antiga, silenciosa,
aproximándote ás sombras, todas fuxían.
 
Era tempo de figos celestes, imaxino,
escapando da terra cansada onde ti vivías.
 
Sonoros acordes de cítolas interiores
chegaban, mesmo, con outro rumor taciturno
e a muralla, a túa muralla, interrogábate.
 
O rebaño pasaba sacudido polo vento interior
dunha idade lembrada só no corazón da pedra.
 
Ninguén sabe si ara un rumor lembrando o sol
sobre o cículo de pétrea luz onde ti xirabas
e cantabas no templo errado con eco de bisagra.
 
Subindo e baixando escadas, a terra camiñabas
momentáneos xestos sobre a muralla,
máxicas palabras comezaban a subir
como voos de gabián sobre antigas torres;
antigos homes de Lugo comenzando a ollarte,
apreixándote no alicerce dos cumes
e a fecundarte no delirio do río: esa mensaxe.
___________
Titulo: CÍRCULO DE LUZ E XISTO
Autor: Xosé Lois García
Data de Edición: 1994
Edita: EDICIÓNS ESPIRAL MAIOR S.L.