Guerra Junqueiro, crente ou ateo? - 16/06/2015
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Co saudoso e lembrado amigo, o poeta Manuel María, falamos moitas veces e tratamos de posicionarnos, nas nosas conversas, ante un Guerra Junqueiro introvertido para os portugueses, catalogado como ateo para moitos, crente para unha minoría e anticlerical para a gran maioría de junqueiro1portugueses. Manuel e mais eu coincidiamos de que Junqueiro era crente, sen dúbida. Manuel, cando tiña coñecemento de que eu ía ao Porto, insistía de que visitase a súa filla, dona Maria Isabel, que el coñecía e trataba. Vivía mesmo detrás da catedral, na rúa D. Hugo, onde atopamos a Fundação con dous museos que manteñen as pertenzas do poeta Guerra Junqueiro. Naquel xaneiro de 1974 non puiden cumprir a encomenda de Manuel de ir a visitala, dado que oito días antes de eu chegar ao Porto, dona Maria Isabel tiña falecido.

Fai poucas semanas que estiben no Porto e visitei por primeira vez, naquela rúa estreita da catedral, as extraordinarias coleccións de arte sacra, propiedade de Junqueiro, a súa biblioteca e outras pertenzas. Tiven a fortuna de ser atendido pola directora e pola conservadora que me descubriu cada un dos tempos vividos de Junqueiro. No xardín do museo érguese un lucente bronce que reproduce a maxestática figura do poeta, do republicano, do anticlerical e, sobre todo, do crente e defensor do verbo evanxélico.

Toda esa colección de arte sacra, que el mantivo en vida, confirma aquilo que Manuel María e mais eu mantiñamos. Estas coleccións de arte sacro confirman a un enorme crente e un compulsivo anticlerical: acusador de cregos e xerarquías eclesiásticas que non eran nin exemplo, nin guías de ser referencia do Evanxeo. Junqueiro fixo destaque dos erros e das mundanidades dun clero tridentino que el acusou con certa violencia e dunha maneira sincera e concreta.

Guerra Junqueiro non é para min un poeta lonxincuo nin alleo a puntualidades existenciais e de liberdade, tal como expuxen na miña intervención no congreso: “Guerra Junqueiro e a Modernidade”, celebrado na Universidade Católica do Porto. A miña intervención foi o 4 de xaneiro de 1997, titulada: “Fidelidade cristiá e proxección de fe na poesía de Guerra Junqueiro”, que reproduzo:

“Á medida que nos centramos en varios libros poéticos de Abílio Manuel Guerra Junqueiro comezamos a entender a este poeta na súa máis exaltada fidelidade cristiá e proxección de fe. Nesa fe tan pura que con ela medrou en Trás-os-Montes e máis tarde o levou como estudante de Teoloxía a Coimbra. A súa fe marcoulle uns sentimentos tan individualizados que con eles afondou no divino para configurar a un dos espíritos máis inflamados e leais á perfección evanxélica, como dixo Jacinto do Prado Coelho.

A min interésame esa fe de Junqueiro, ollada en varios procesos e parámetros da súa vida, que se modifica segundo as circunstancias e convulsións do seu tempo; interésame seu espírito crítico como cristián entusiasmado en corrixir certos erros que el percibía dentro da propia Igrexa. Isto tamén formaba parte de ese espírito crítico que asistiu á xeración romántica e republicana portuguesa e, sobre todo, a aquel grupo de intelectuais chamado: “Vencidos da Vida”, no que estaba integrado Junqueiro.

É verdade que Junqueiro estaba partillado en varios temas que preocuparon á sociedade do seu tempo e el foi un home que ollou para outras realidades que quixo transvasar ao seu pais, obre todo de Francia. Esa nación con experiencias revolucionarias saídas da Comuna e que toma como referente idealizador a Victor Hugo, unha constante influencia en varios dos libros de Guerra Junqueiro. Este asumiu varias críticas relixiosas que facía Proudhon e Renan, que asumiron varios membros da xeración literaria do seu tempo, como é o caso de Eça de Queirós. Mais por encima de todo isto encontramos a un Junqueiro individualizado nunha crítica emanada da fe contra un comportamento relixioso que el non comparte e manifesta en “A Morte de D. João” e na “Velhice do Padre Eterno”. Estamos ante un Junqueiro meticulosamente crente, aínda que dubidoso, que é capaz de suxerir que todo cristián que non faga unha autocrítica do seu comportamento relixioso e a súa fe é sumamente sospeitoso.

Nesta orientación, podíamos encadrar a crítica de Junqueiro, que procede dunha fe que para el é a pedra angular da fidelidade cristiá. A súa crítica está dirixida a certos comportamentos e á carencia de valores por parte dunha multitude de clérigos que compoñía aquela igrexa morna e sombría que el manifesta no poemario: “A Morte de D. João”, onde se advirte:

“Era uma noite pavorosa, escura,
Dessas noites d’horror que Deus mandava
Sobre a desfeita geração escrava
Dun século maldito”


A esa xeración escrava, Junqueiro, trata de corrixila cunha crítica forzada pola súa fe e que pode que tivera seu imperativo nestas palabras de Xesús, que están no Evanxelio de San Marcos, 8; 38: “Pois quen se envergonhar de Min e das Minhas palabras diante desta generação adúltera e pecadora o Filho do Homem se envergonhará dele”.

Estamos ante unha posición que o poeta tenta subliñar nas palabras de Xesús ou ser el o portavoz desta mensaxe movido pola súa coherencia de fe? Non o sabemos mais o que detectamos é que a súa crítica está movida, con persistencia, por un ardoroso amor para reconducir ese templo frío e deserto á verdade evanxélica, insiste nestes versos:

“Em volta a escurião cerrada e vasta;
E ao fundo un Cristo pálido, inefável,
Duma tristeza luminosa e casta”.


En “A Morte de D. João” encontrámonos cun Junqueiro gradualmente máis tenso nas súas críticas, todas elas froito dun escepticismo que se agranda á medida que inclúe a crítica política á relixiosa e, neste sentido, expón un dramatismo entre a fe e o escurantismo que, por veces non explica adecuadamente. Junqueiro critica a esa Igrexa fría, cultivada por unha certa beatería; critica a un dogma que segundo o poeta era un desafío constante aos principios evanxélicos; critica a pasividade inoperante dos crentes; critica, en definitiva, a un escurantismo que se practicaba en varias esferas do catolicismo. En todo isto, exclama:

“Um Deus cadáver, un cadáver frio!
De que nos serve um Deus ermo e sombrio,
Com lábios mudos, con olhar sem Luz?
Como há-de ele amparar os desgraçados,
Se tem os braços lívidos pregados
Nos braços duma cruz!”


Neste poema, a fe do poeta, plenamente contrita, busca o verdadeiro Deus Vivo, o Verbo da Luz e do Amor que tanto se evoca no Evanxeo de San Xoán e, que el reivindica ese espazo perdido e vulnerado. No poemario, “Baptismo de Amor”, o poeta xa nos asombra nesta crítica:

“E a sociedade ria... a sociedade é tola.
Naquela grande dor achei-me só e triste;
Bradei: Se Deus é injusto, então Deus não existe.
Foi essa a redenção da minha vida inteira,
Com esse grito entrei na senda verdadeira.
Cresci, jurei vingar-me; eu já odiava o mundo”.


Nestas vibracións místicas que buscan a certeza de Cristo, encontramos ao poeta nun grado de fe que o estimula a unha crítica severa contra as institucións relixiosas; contra as costumes e ritos que en nada actualizaban as vivencias evanxélicas. Por iso, aquela xeración de intelectuais portugueses e, sobre todo, Junqueiro e Eça de Queirós, puxeron un gran empeño na reconstrución da “Cidade de Deus” cunha lectura diferente a de San Agostiño. Nesta lectura reivindicouse a exaltación de Cristo, con certa violencia anticlerical; con certo odio á institución da Igrexa. Mais nesta lectura houbo varias correntes. Unha delas, vinda da Francia, era a que propiciaba Renan e que propoñía un Cristo positivista, que Eça acolleu nun primeiro momento e o seu circuíto de Coimbra, máis despois detestou. A proposta de Renan era desarticular todo ese organigrama de milagres e someter a Xesús a padróns historicistas. Mais Cristo motivaba naquela xeración un enorme atractivo, aínda que lle negaran certas prerrogativas había unha veneración polos valores cristiáns que se foron reencontrando en varios poetas da época aínda que utilizaron a sátira contra o feito relixioso que emanaba do Concilio de Trento.

Junqueiro nunca repetiu as reiteracións de Renan cando dicía: “Se Cristo non foi Deus, merecíao ser”. Nesta idea sustentáronse moitos membros da xeración romántica portuguesa. Junqueiro tiña unha necesidade polo divino, a súa cosmovisión mística o leva a exclamar, naquela delicada situación que manifesta en “A Velhice do Padre Eterno”:

“Fazer do Deus do Amor o Deus barbaridade,
Chamar à estupidez irmã da caridade
E jesuíta a Jesús e Cristo a Carlos sete”.


A impetuosidade da súa fe enmárcase, como xa dixemos, no amor de Cristo que se reflexa no Evanxeo de San Xoán e, neste sentido, o poeta manifesta e proclama a ese Cristo do amor, dicindo:

“O amor é lei de Cristo,
Fiz dele a miña cruz”...


E neste poema, Junqueiro, volta a insistir:

“Se hei-de morrer, Senhor,
Quero morrer agora!
Morrer cheio de aurora,
Cheio de luz, de amor!”


Ainda ese Junqueiro cheo de incontinencia e liberdade polos acontecementos que se sucederon en España, escrebe un poema titulado “À Espanha Livre” (1873), antes de censurar á Igrexa española, con atinadas crítica, non deixa de evocar seus sentimentos cristiáns nestes versos:

“Como cândidas pombas inocentes,
Venham em bando os corações dos crentes
Para adorar o espírito de Deus
Que entoa do futuro a eterna missa,
Alevantando a hóstia da justiça
No altar dos Pirinéus”.


junqueiro2Cando un lee estes poemas místicos e cargados de republicanismo, á moda de Junqueiro, un non pode por máis que consideralo como home metido na máis alta transcendencia espiritual que está moi por enriba do que podemos chamar home non asimilado na cultura relixiosa. Marabíllanos ese misterio do divino no que el se refuxia e que chega para sorprendernos, de diversas maneiras, na súa contemplación mística, como se o poeta estivera adiantándonos unha profecía para corrixir prácticas anti-evanxélicas.

É Posíbel que en “A Velhice do Padre Eterno” impóñase o desvarío neses poemas panfletarios, cando recorre a unha linguaxe depredadora e pontificando o anti-clericalismo, que ratificou nos seus anos de madurez e de maior reflexión. João Grave manifestou sobre este tema: “A Velhice do Padre Eterno”, em que o sarcasta e o lírico se afirman poderosamente, foi uma das maiores torturas dos seus últimos días. Quantas vezes, ao aludir a esse livro que tanto contribuiu para a sua celebridade, Junqueiro o condenou inexoràvelmente, negando que fosse um trabalho de inspiração artística obedecendo con rigor a um pensamento filosófico e caracterizando-se por uma unidade estética”.

Seguindo aínda nese espazo de procura e de reencontro con Cristo, e xa fora da intriga e do apaixonamento anti-clerical, entra nesa incontinencia metafísica do sagrado e posiciónase abertamente orfo e nu para reencontrarse espiritualmente, como di nestes versos:

“Sinto-me naufragar no horror das trevas mudas...
Quen me dera gemer no teu Calvário, ó Cristo!


Mais desde a complexidade do profano que manifesta en “A Velhice do Padre Eterno” xa vai configurando suxestións para superar traumas que lle marcaron un perfil negativo no campo espiritual e que agora intenta superar, tal como se manifesta nestes versos:

“Ó crentes, como vós, no íntimo do peito
Abrigo a mesma crença e guardo o mesmo ideal.
O horizonte é infinito e o olhar humano é estreito:
Creio que Deus é eterno e que a alma é imortal”.



Aquí, en “A Velhice do Padre Eterno”, constata a fe que mantén o poeta sobre o eterno e sobre a inmortalidade. E sen entrar en especulacións teolóxicas proclama a ese Logos que, en moitos treitos deste libro, tiña temporalizado a súa divindade. Estamos, pois, ante a reafirmación máis profunda da súa espiritualidade, manifestada a través da súa obra poética.

Junqueiro, en “A Velhice do Padre Eterno” manifesta, tamén, ideas conservadoras, aínda que parezan innovadoras, ao xeneralizar as críticas contra a perda de fe e das máis elementais esencias evanxélicas. Nesta desfiguración do esencial doutrinario, sobre certos atributos de Deus, Junqueiro apela ao Amor de Deus manifestado no Novo Testamento e non na tiranía de Deus, como Señor dos Exércitos, na idea antigo-testamentaria. Neste sentido podemos ler:

“E o velho Deus-castigo e o velho Deus receio
É simplesmente un freio
Para conter a raiva à besta popular”.


Junqueiro transplántanos na idea de Socrates, cando dicía que os deuses foran manipulados por unhas clases sociais perniciosas e de falsa relixiosidade, cuxo fin era amedrentar a outras clases diferentes con deuses tiranos. Neste sentido, o poeta dóese desta alteración e apela á fe para instaurar e afondar na gran figura liberadora de Cristo. Así o manifesta:

“Arrasou-se de pranto o olhar do Nazareno,
Aquele olhar profundo, aquele olhar sereno
Que outrora deu alivio a tantos corações;
E a linha virginal do seu perfil suave
Turbou-se, apresentado o aspecto mudo e grave
Das nobres aflições”.


A fe de Junqueiro, aínda nos momentos máis contraditorios da súa crise espiritual, o leva a reivindicar o Amor de Deus, por encima de atributos tiránicos que configuraron a un Deus destrutor e anticuado. Neste sentido, Junqueiro non se pode ollar coa mais mínima animosidade de ser un ateo ou de ser un agnóstico que atentara contra desa doutrina que el tiña sobre Deus, como proclamou certa xerarquía eclesiástica portuguesa.

E verdade que moitas veces desafía a ese Deus da súa fe, máis este é unha conducta cultural do ámbito galaico-portuguesa de ser contestatarios con Deus, como se ten manifestado naquel sermón do Padre Vieira, cando os holandeses invadiron o Brasil, na súa exclamación hai un desafío que no fondo non é máis que unha berro filial, unha chamada de atención cando se está nos perigos que a humana vontade non pode remediar.

E nesta manifestación de fe, Junqueiro é inalterábel ao dicir:

“Deus, o Deus em que acredito,
Essa luz que alumia essa noite - o infinito
Esse eflúvio d’amor que en tudo anda disperso,
Espírito que, enchendo o abismo do universo,
Cabe con todo o seu vastísimo esplendor
Nun olhar de criança ou num cálix de flor”.



Que maravilla mais lograda desa concepción do Deus-Amor, do Deus-Humildade, que encontramos nun dos poemas de “A Velhice do Padre Eterno”. Con estes versos o poeta transplántanos noutro contexto que é o tema panteista e que tanto aparece na súa poesía como un dos dons con que o poeta intenta iluminarse, na máis estricta captación das cousas, como el manifesta:

“Viva Deus! eu já sinto o clarão das manhãs
Abrir-se-me a alegria, assim como as romãs.
Renasce-me o vigor das madrugadas d’oiro”.



Deus, en Junqueiro, está tan ligado ao seu estado de ánimo que lle provoca concorrer a esas minuciosas cousas que conforman o seu microcosmos e, desde aquí, o levan a outras dimensións do macrocosmos onde a esencia divina está presente en varios conceptos do poeta. Neste caso, Junqueiro, bebe desa tradición panteista que se manifestou nas poéticas de Frei Agostinho da Cruz, de Rodrigues Lobo, de Teixeira de Pascoaes e de tantos outros.

Mais o panteísmo de Junqueiro aparece dependente de Deus e que irá establecendo outras pautas e connotacións precoces que se distinguen das correntes anteriores. Neste sentido, o poeta así o expresa:

“Bendito seja Deus, bendita a Providència
Que deu o lírio ao monte e à tua alma a inocència”.



Hai un panteímo gradual que é o motor da dialéctica de Junqueiro, inconscentemente gnóstica, que non vai ser pasaxeiro e que podemos atribuír a aquela temporalidade que máis atracción sentiu por determinada escrita panteísta de Victor Hugo. Como así o apela nestes versos:

“Em Hugo adoremos o verbo da esperança,
O Deus-Germinal,
Que inflama as estrelas, os monstros amansa,
Gorgeia na ave, sorri na criança
E esplende na aurora do beijo imortal!”


A súa madurez e incontinencia panteísta a manifesta en “Os Simples”, para nós o seu millor libro. Un poemario que naceu coa idea de evocar e engrandecer a vida labrega do medio rural de Trás-os-Montes e que repousa nese panteísmo que desde a súa terra excede ao Minho e a Galiza: esas terras celtas que configuraron a vella nación romana da Gallaecia, que ía do Cantábrico alén do río Douro.

Desde unha minimización do universo trasmontano todo se vai ampliando e reconstruíndo arredor desa ánima popular que deu vida a unha cultura ancestral. Seu panteísmo configúrase nas esencias máis estritas e persoais que deparan a galaicos-portugueses, tan excelentemente estudado pola Dra. Dalila Pereira da Costa.

Junqueiro mantivo unha profunda e xenerosa manifestación de amor con a súa terra, e dese comportamento psicolóxico e antropolóxico extraemos estas extraordinarias pinceladas de Trás-os-Montes:

“Ó velhinha santa, minha boa amiga,
Reza o teu rosário, move os lábios teus!
A oração é ingénua? Vem de crença antiga?
Não importa! reza, minha boa amiga,
Que orações são línguas de falar com Deus!”



Esa velliña podía ser a miña avó materna da Galiza que axuntaba a seus netos na lareira e dicíanos que ía falar con Deus. Despois de servirlle un “Pai Noso” de introdución, comezaba a falar pedíndolle que axudara ao grao a saír da terra e que rebentase nel a súa misericordia. Demandáballe que as treboadas foran a campo ermo e que as searas resistiran os vendavais; que protexera o gando e, tamén, aos emigrantes en terras estrañas. Despois de todo isto bendicía as flamas do lume pedíndolle a Deus que incendiara de amor e de bondade o corazón dos seres vivos.

Estas prácticas teñen unha solemnidade verbal, profundamente panteísta, onde os obxectos son sacralizados e serven de intermediarios para que nós falemos con Deus. O panteísmo de Junqueiro está inmerso nestas grandezas e crenzas antigas que nos dimensionan na Mai Natureza e, desde ela, podemos chegar a Deus despois de evocar os dons que nela manan e en nós operan milagrosamente.

Nesta cosmovisión de Junqueiro, nace a “Oração ao Pão” e a “Oração à Luz”, e o seu primeiro apelo verbal intégrase nese falar con Deus, como as velliñas trasmontanas e galegas, dicindo:

“Num grão de trigo habita
Alma infinita”
“Alma latente, incerta, obscura,
Mas que geme, que ri, que sonha, que murmura”...


As dúas oracións, ao pan e á luz, son as xoias poéticas máis latentes dun espírito panteísta que sabe divinizar as cousas materiais, partindo do telúrico até divinizalas.

No seu panteísmo, que se manifesta nestes dous poemas, hai algo elemental que é a súa fe. Sen ela estaríamos ante un Junqueiro estático que comprendería o amor e a dor dunha maneira materialista, mais nestas dúas oracións todo se dinamiza para volver ás cousas máis simples cun espírito liberto.

Junqueiro restaura ese franciscanismo de irmandade coas cousas, sacralizándoas e posicionándoas dentro dunha aureola onde nós podamos ollar as nosas grandezas e miserias. Mais Junqueiro, a diferenza do Santo de Asís, emite unha mensaxe moito sintetizada; apenas imaxes que nos abren mundos instintivos para establecer un diálogo coa materia sacralizada.

Pode que de Junqueiro teñamos preconceitos de todo tipo. Máis é comprensíbel que el foi un poeta que amou e buscou a verdade, e só por isto merece dignificalo na nosa máis cálida e clamorosa devoción, por un poeta e un cristián verdadeiro que desafiou aos cregos que non cumplian cos regras do Evanxeo. Junqueiro non foi ateo; foi anticlerical.

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras