A vontade do común fronte a reis hereditarios - 09/06/2014
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García

Non tardei en comprender de neno aquel cantarelo que o meu pai sonorizaba, secretamente e entre dentes: “Si Alfonso quiere corona,/ que la haga de cartón/ que la corona de España,/ no la lleva ningún ladrón”. Aínda que el era analfabeto sumouse ao amplo sentimento e a euforia republicana de 1931. A canción antiborbónica lembraba as tropelías e os desaguisados de gobernos monárquicos e aos mortos que Castelao menciona nun debuxo do álbum “Nós”: “¡Un padrenuestriño pol-os que morreron en Oseira, Nebra e Sofán!”. A memoria colectiva tiña presente os asasinatos dos loitadores populares contra os foros e privilexios de realengo sustentados por ditadores, disfrazados de demócratas que gobernaron á sombra dunha monarquía corrupta, dun Alfonso XIII ocupado noutros mesteres e nada virado a aquela España sufrinte, apática e de “charanga e pandeireta”.

A II República –con tódolos seus defectos- tentou poñer orde tantos desaguisados e descabezar non poucas prebendas sustentadas tradicionalmente no réxime borbónico e na súa tradición monárquica, cuxos poderes de facto propiciaron o golpe militar de 1936, aí estaba a presenza reaccionaria dos monárquicos, tan potente como histórica na represión franquista, como fieis colaboradores e consortes do odio e da insidia contra todo o que tiña respiro de pobo verdadeiro.

A democracia española, está anquilosada no despotismo dun réxime despótico que impuxo a un xefe de Estado, co título de rei, sen pasar polas urnas e, tantas veces, con ameazas de sables e outras desfeitas, para perpetuar o que Franco tiña decidido. Houbo expresións que estimularon unha verdadeira democracia representativa que foron desoídas,  polos beneficiarios da ditadura. A grande barbaridade é que a xefatura do Estado é a única institución imposta por sátrapa e non polo pobo. Este comportamento é un oprobio ao concepto e práctica de Estado democrático e á dignidade do común.

Ese común que loitou polas liberdades democráticas padecendo persecución, represión e morte, fica esquecido e vulnerado por toda esa xente situada no confort do bipartidismo pactista. É lacerante, para os que estivemos loitando, en situacións persecutorias, pola dignidade e a liberdade democrática das persoas e dos pobos. Que se diga que Juan Carlos I trouxo a democracia ao Estado español, non deixa de ser unha tamaña grosería e unha difamación sen escrúpulos que falta ao respecto aos verdadeiros protagonistas da rúa. Esa grande mentira é a que está posta en escena para posicionar a Juan Carlos I como o persoeiro que nos trouxo a democracia.

Aí están as hemerotecas para comprobar que entre 1976-77, houbo mais mortes nas rúas que no último bienio  franquista. Qué diremos dos 41 senadores nomeados por designación real en 1977? Non deixa de ser esclarecedor esas institucións que tentaron incrementar o poder do rei facendo un tipo de chantaxe, introducindo as leis franquistas do Movimiento Nacional e de Falange nunha democracia intervida e moldeada por unha monarquía hereditaria que pretendeu darlle poderes totalitarios, á vella usanza das monarquías tradicionais, mais esta acuñada por unha ditadura fascista.

Estas estratexias detectadas polas clases dominantes e polo propio rei, nas súas primeiras andanzas polo poder, sen renunciar ás reminiscencias do poder monárquico absoluto, que nos fai recordar aquelas medievalistas e lonxincuas “Siete Partidas” de Alfonso X, que ilustran a loita de clases e o poder monárquico sobre o pobo. Na primeira partida, lei 15, leemos: “El rey debe guardar las leyes a su hechura y a su forma, porque recibe poder y razón para hacer justicia; y si él no las guardase, vendría contra su hecho y las desataría y de ello le vendrían dos daños: uno, desatar tan buena cosa, otro, que se tornaría comunal de todo el pueblo y esto lo envilecería a sí mismo y se le tendreis por el mal seso, sus mandamientos serían menospreciados. Las debe guardar el pueblo como a su vida y provecho de lo que tienen, y si no lo hiciesen mostrarían que no quieren obedecer a Dios ni al señor temporal e irían contra ellos, entrando en caminos de muerte: 1.- por desmandamientos: 2.- por osadía; 3.- por maldad, mostrando que les placería más el mal que el bien”.

Estamos falando das leis afonsinas do século XIII, toda unha diatriba contra o común que inspirou o totalitarismo monárquico, promulgando “leyes a su hechura”. Isto describe o talante monárquico e as súas ambicións no dominio de clases. O medo a acción comunal e ás clases populares organizadas e capaces de exterminar privilexios, son elementos claves sobre a monarquía que levaron a un pensador como Dante Alighieri, contemporáneo de Alfonso X, a escribir en 1313 (cando Enrique VII cercou a cidade de Florencia) un amplo tratado, titulado: “A Monarquía”, onde proclama o estilo novo de facer política, desestimando vellos resortes de reis e príncipes, ao sustentar: “Tres cuestións principais formúlanse a este propósito; dubídase e pregúntase, primeiro, se a monarquía é necesaria para o ben do mundo; segundo, se o pobo romano atribúese lexitimamente a si mesmo a forma de goberno monárquica, e terceiro se a autoridade da monarquía depende directamente de Deus ou de algún ministro ou vicario de Deus”.

Dante aínda é mais contundente sobre os que se dobregan a estes pérfidos poderes monárquicos: “Ou xénero humano, cantas tormentas e perdicións, cantos naufraxios vícheste  obrigado a padecer por converterte en besta de moitas cabezas e axitarte con tendencias contrarias! Tes enfermo o teu dobre entendemento e a túa efectividade”.

Nun Estado ben ordenado nos principios democráticos, a xefatura da máxima institución estatal non se herda, gánase nas urnas, convencendo ao común e defendendo seus intereses. Este é un principio aristotélico, chamado republicanismo. Por tanto, as correntes republicanas que percorren o Estado español, demandando a forma de elixir ao xefe de Estado, dun xeito democrático ou a opción na forma de concretalo no contexto republicano ou monárquico. Mais toda opción vese bloqueada pola fórmula hereditaria dun rei posto por un ditador. E ese herdo transcende a seu fillo o próximo Felipe VI. Se Felipe V foi o primeiro Borbón, moitos agardan que Felipe VI sexa o último e en breve. Mais a vontade popular, ao marxe de manipulacións e de medos, ten que decidir algo tan importante como é a definición por unha fórmula de Estado republicano ou monárquico e elixir a seu máximo representante. Mentres isto o impida a santa unión bipartidista, o rei seguirá sendo un impostor posto por un ditador, aos ollos do mundo.

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras