logo opinionTradicións que matan 14.07.2009

XOSÉ LOIS GARCÍA

Coa morte de David Jimedo, na corrida dos sanfermíns en Pamplona, ábrese a polémica entre os do si e os do non; entre os que están a favor e os da contra, de que esta antiga festa amparada na tradición popular confróntase a unha falta de ética e, tamén, de estética onde predomina o morbo e certa perversidade. Aí está presente a carga do pasado máis grotesco e elemental da agresividade ibérica que prevaleceu contra dos touros. Reminiscencias, romanas, mesturadas coa animadversión da cultura árabe predominando até os nosos días. Quizais a corrida anual de San Fermín en Pamplona sexa a menos agresiva contra o touro. Correr diante del é toda unha fazaña e unha técnica tecida na paixón dun evento tradicional: amén dunha experiencia en saber correr e refuxiarse cando o perigo estás sobre as costas dun. Parece que Jimeno era un mozo experimentado nestas faenas, que tivo a mala sorte de ser atrapado polo touro. Iso da boa ou mala sorte non existe se un non entra na competición aberta co animal. Se non correra a posibilidade de que o collese o touro sería mínima por non dicir nula. Mais a tradición pesa; a tradición involucra e posiblemente transmite un estímulo de inmolación inconsciente ou de desafío á superioridade do touro. O superhome en acción, o machismo nos seus máximos excesos e a adrenalina creando coraxe para resistir e desafiar o desenfreo e mais a ferocidade do touro.

 

Unha vella tradición chegou ós seus lindes de expresión. Agora predomina o absurdo de brincar e torturar eses seres que nos empeñamos en que non sexan libres. Outro animal máis perverso, o home, procura burlarse e proclamarse vencedor. A morte de David Jimeno talvez lle poña matices ao vello dilema e tome repercusións para abrir un debate serio e pausado sobre unha normativa que priorice a salvagarda dos animais. Hai que corrixir condutas e normalizar estas tradicións salvándoas do intrusismo e da violencia que impera nestes desaguisados. Jimeno era un profesional nesas correrías, mais hai toda unha masa amorfa e allea a esa tradición que ignora as claves desa paixón e a forma de actuar dos mozos de Pamplona, de convivir e de admirar.

 

Esa festa tan masificada onde todo vale, sen control e na que todos teñen acceso a correr e a violar os principios máis mínimos, como a de introducir menores de idade e deixar que os bébedos participen e a tantos visitantes que ignoran o perigo e poñen en evidencia o seu ego desfasado ante os que tiñan que manter un ríxido control.

 

Hai tradicións mortíferas como as que predominan en todas as modalidades que a tauromaquia presenta e outras exhibicións taurinas. É necesario ir erradicando con normativas drásticas como as que se teñen feito en Cataluña. Non se trata de prohibicións, aínda que isto sería unha medida xusta para aplacar ese contubernio que se fai contra os animais.


Había que rematar con ese impulso machista que impera en varios escenarios festivos onde están presentes os animais ou seres inocentes e inofensivos, moitos deles, aos que se lles provoca para que actúen violentamente. Falamos dos touros e en concreto do caso do que ocorre nas rúas de Pamplona. Podemos falar o mesmo dos curros que se fan en Galiza cos cabalos bravos, aínda que o escenario cambie e a violencia entre o home e a besta teña outro signo. A exhibición do machismo pode que estea representado nese antigo aforismo latino, homo homini lupus. O instinto primitivo para desafiar co seu ego os seus irmáns os animais. Mais a rapa das bestas, esa tradición festiva que ten connotacións económicas, está entrando nunha fase de masificación turística que pode alterar o que é tradición. Non se pode apelar ás tradicións que toman un carácter mortífero. Cando isto ocorre hai que pór veto ás manifestacións estrañas e escandalosas.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía