logo opinionRamón Cabanillas, poeta integral e actual - 24.11.2009

XOSÉ LOIS GARCÍA
Pode que as referencias que temos sobre o poeta Ramón Cabanillas (Cambados, 1876-1959) nos resulte un creador integrador e de actualidade. Un poeta meridianamente coñecido, talvez bastante descoñecido polas novas xeracións. Un poeta que resulta incómodo para moitos, sobre todo para aqueles que desexan que Galiza continúe domesticada e lles sigan importando moi pouco as agresións que se fan coa cidadanía desde varios poderes administrativos. A poesía de Cabanillas é esa barreira que lexitima a acción contra os poderes opresivos. Ten esa magnitude liberadora, do que debe ter toda poesía nun país agredido e desordenado. Cabanillas acatou as regras da tradición da poesía galega de denuncia e combate. Curros foi o seu referente e Rosalía con Pondal o concreto dunha Galiza plena.


Estamos xusto no cincuentenario do seu pasamento, unha data para lembrar e retrotraernos ó redor dun poeta que tocou todos os rexistros da canónica poética de compromiso coa Galiza colonizada. Quizais el fose o poeta que máis incidiu nesa caracterización colonial, cando nos fala do centralismo e do pobo asoballado. Pasar por un seminario, ser funcionario público e emigrante en Cuba, son tres probas eficientes para ver esa Galiza asoballada en varios escenarios e, sobre todo, nestes tres que mencionamos. Normalizar o país, creando conciencia nas clases máis agredidas e desordenadas socialmente, ten sempre a afronta dos poderosos e dos creadores de cismas que dividen as paixóns redentoras dos que procuran liberdade para un país ensumido en históricas desfeitas. Neste caso, Ramón Cabanillas tivo esa valentía de conducir a súa poética cara á denuncia contra individuos e institucións que fomentaron submisión en milleiros de galegos. Nesta dirección, apuntan os versos do poeta cambadés, tan directos como redentores. A palabra como arma que nega derrotas e constrúe os alicerces da casa común. A Galiza como "nai e señora".

Cabanillas, na súa poesía, acendeu o lume sacro e redentor que ilumina camiños de liberdade; "o lume no pazo" e lanzais labaradas onde o xentío clama en laudes: E un velliño, moi vello,/ de guedelliñas brancas,/ que vive de milagre,/ xantando cando xanta,/ vestido de farrapos/ e durmindo onde cadra,/ -todo por mor d-un preito/ de rendas atrasadas,/ no que os donos do pazo/ deixárono sin nada,-/ ollando cara ó lume,/ ríse, barulla e fala/ de ir buscal-o gaiteiro/ para que toque a gaita!

A xustiza de redención posta na boca dun vello que contempla a destrución de riquezas acumuladas, a súa propia plusvalía erguendo portentos indebidos. Este poema tan individualizado, marca o odio do oprimido cara ó opresor; marca a sensibilidade daqueles reos da escravitude nas iniciais décadas do século XX. Pero Ramón Cabanillas tamén marca os parámetros do colectivo nacional galego asoballado, e percibe moi ben a loita de clases no seu vínculo coa loita de liberación nacional. O expoñente con máis evidencia é o poema, titulado: Acción Gallega, do que procuramos a seguinte mostra: "Que vexa a vila pobre,/ coveira de canalla,/ á aldea que traballa/ disposta pra loitar.// Antes de ser escravos,/ ¡Irmáns, irmáns gallegos!/ que corra a sangue a regos/ dende a montaña ó mar./ Xa o fato de caciques,/ ladróns e erexes, fuxe/ ó redentor empuxe/ da alma nacional.

A alma do pobo asoballado resumida nesa acción de loitadores e de conspiradores que o poeta os concreta nun escenario combativo e revolucionario. Proclamar a Ramón Cabanillas no cincuentenario do seu pasamento significa proclamar os valores do pobo proletario e espoliado de Galiza. Retomar a lectura poética de Ramón Cabanillas é como volver retomar o mosaico de toda aquela problemática que está na súa obra.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía