logo opinionPolos eidos dos cilenos - 10.05.2011

XOSÉ LOIS GARCÍA
Reencontrarse coa anterga Aquis Celenis, esa comuna castrexa que os romanos chamaron Aquae Calidae e a raíña Urraca deu o nome de Caldas de Cuntis e, tamén, xurisdición de Baños, non deixa de proclamar descubertas a quen procura diálogo con eses vestixios que respiran a pureza dese celme cultural no que a Galiza de tódalas idades se realizou.

Cuntis, a vila do Baño, está sobre os repregues e as fisuras teutónicas que ofrendan auga sulfurosa que requenta o corpo e relaxa a ánima. Mágoa que ese balneario de propiedade privada, cuxas augas termais foron outrora de comunal convivio, continúen gornecidas por obvios intereses de casta. Augas sacralizadas por tantas xeracións que cultivaron as esencias máis puras do que nos identifica coas harmonías da terra. Ríos como o Gallo que atravesa o municipio adherindo augada de regatos e riachos. Así é como a música acuática reclama sensibilidades para oír cánticos telúricos, sublimidade extensiva que polos beirais da vila deixa portento emocional.

O río Umia, no seu transbordo breve polo sur deste concello, confirma a atracción soluble das súas augas. Os antergos poboadores que a elas acudían en rituais prerromanos, ou aínda priscilianistas que se facían na ponte de Ramo, os chamados bautismos prenatais. Sobre esta tradición, o meu admirado amigo e guía por estes eidos de Cuntis, o escritor Heitor Picallo Fuentes, atravesando esa ponte faloume desa anterga tradición. Curiosamente no hotel, lendo o libro: Dos fastos ós festexos (Toxosoutos), da autoría de Rosa Benigna Vizcaya e de Francisco A. Vidal, atopei o seguinte texto: "E sen saír dos nós lembremos aquí o bautizo prenatal, que se fai sobre unha muller embarazada para que o fillo se lle logre e chegue a nacer". Este ritual xerminativo, onde as augas e o xermolar da natureza protagonizan esa sacralización panteísta que nos leva aos albores cósmicos das raigañas mais primitivas de Galiza.

Subindo por esas estivadas abertas onde a vexetación se axeita a carón do Umia, o meu amigo Heitor introdúceme nesa terra mansa e quebrada de Cequeril, espazo natural de portentosos canteiros que modelaron non poucos perfís galegos. No cemiterio de Cequeril están esas tumbas ben labradas e ornamentadas de masóns, que moitos deles foron membros de sociedades gremiais e mestres de canteiros. Nese mesmo recinto está unha simple e rigorosa lousa granítica que custodia os restos de Xoán Xesús González, asasinado no encetar da guerra civil de 1936. Esa promesa frustrada que alentou unha Galiza de seu, desde unha perspectiva nacionalista e marxista. Nesa lousa están as marcas dunha lápida depredada polos que queren anular memoria. Mais estou seguro que nese sitial xermolan rosas e se erguen puños.

Nas congostras de Cequeril exhíbense marcas rupestres de plenitude cósmica que delata dos antigos habitantes un fervor polo descoñecido. Na corga de Arriba os rochedos proclaman vivencia inmorredoira, na Laxe dos homes e na Laxe dos gatos. En As cruces de pedra na Galiza de Castelao, no primeiro apartado: Cruces precristiáns, di o seguinte: Na figura 13, aparecen claramente os cornos sagros ou máxicos na figura principal da "laxe dos homes de Cequeril". Coroando este espazo está o monte Cábado, onde Terra de Montes comeza e Codeseda o espreita. O cano das fontes convertidos en instrumentos onde a auga canta. En Cequeril visitamos a poeta Elvira Riveiro Tobío. De volta, Castrolandín con seu impetuoso miradoiro castrexo e, tamén, o castro Maráns onde a arte de Asorey fai presenza altiva. As conversas no entrar da noite e o repouso no Hotel Fonte Verde, ese templo de emocións entre o cantar do río Gallo e os libros que hai neste rústico hotel que goberna Silvia Fernández, propician a miña estadía en Cuntis..

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía