logoGrupoCorreoDe Bartolomé de las Casas a Aznar - 03.10.2006

Xosé Lois García

O máis insolente dos presidentes de Goberno que tivo esta nosa democracia, Aznar, D. José Mari, advertiu ao mundo, nunha especie de urbi et orbi, que hai que defender á beatísima santidade de Bieito XVI fronte ás hordas musulmás. Este consello non disimula que o señor Aznar ten o seu pensamento moi fixado no século XI, concretamente naquela primeira cruzada do papa Urbano II, o precursor da exterminación islámica. E talvez aquí comecen os odios entre cristiáns e musulmáns, mais que por razóns doutrinarias. Pois a este punto de partida, insinúase Aznar, de facer irmandade e combater o "infiel". A defensa en favor de Ratzinger por parte de Aznar, que é lexítima, lévanos mil anos atrás e tenta meternos no Concilio de Clermont-Ferrand, onde Urbano II, atizou: "Os que antes loitaron en guerras privadas entre fieis, que combatan agora contra os infieis e acaden a vitoria nunha guerra que xa debía ter comezado; os que até onte foron bandidos loiten contra os musulmáns". Esta chamada tivo resposta e graves consecuencias que o cronista e cruzado, Raimond de Aguilers, manifestou: "Os cruzados entraron na cidade e Xerusalén, perseguiron e degolaron os sarracenos até o Templo de Salomón, onde houbo tal carnicería que os nosos camiñaban co sangue até os xeonllos. Os cruzados corrían por toda a cidade arrebatando ouro e prata, cabalos e mulas, dedicándose á pillaxe". Destes feitos opinou Steven Runciman: "Esta demostración de sede de sangue do fanatismo cristián deu orixe ao renacemento do fanatismo do islam".

Pois ben, o cruzado Aznar, primeiro nos Azores mentindo e comprometendo o seu país na guerra de Iraq, coas lamentábeis e consabidas consecuencias e, máis tarde, nunha cruzada na insua quixotesca do Perexil, onde se investiu cabaleiro de solitario señorío cabrún. Así maniféstase a esclerose mental de certos gobernantes nas súas intolerancias e insidias contra o outro; o diferente. Mais se Aznar non tivo respecto pola diversidade do Estado español menos a pode ter polos que estiveron oito centos anos na península Ibérica. Unha permanencia que temos que agradecer dado que os árabes trouxeron ciencia e cultura nunha Iberia convulsa. O señor Aznar, como gobernante que foi, debía coñecer estes datos históricos e estar agradecido por un período tan fecundo e luminoso na ciencia e nas letras como foi a etapa Omeia e outras que irradiaron de sabenza a toda Europa. Incluso os árabes mostraron ser máis tolerantes que os cristiáns. Mentres no al-Andalus se permitía o culto cristián, a España da reconquista perseguíao. Aznar aínda ten a súa mente anquilosada no de: "¡Santiago, y cierra España!". A España das intolerancias inquisitoriais. A España que debe agradecer moito a sementeira cultural e científica dos árabes expulsados. E si pedir perdón, comezando polo señor Aznar, polas atrocidades que a España da conquista de América fixo cos nativos. Recoméndolle para as súas inhibidas reflexións a lectura da Brevíssima Relación de la Destruycion de la Indias, de Bartolomé de las Casas. Mais para aforrarlle o esforzo de lectura, confórmese coa seguinte transcrición dun feito que un tirano da conquista española realizou en Xalisco: "Un mal christiano tomando por fuerça una donzella para peccar con élla, arremetió la madre para se la quitar, saca un puñal, o espada, y córtale la mano a la madre, a la donzella porque no quiso consentir matóla a puñaladas".

Aznar debía observar o cadro de Pieter Bruegel o Vello, titulado: A matanza dos inocentes, que non é mais que unha alegoría dos tercios españois ao mando do Duque de Alba, o precursor mais rancio do nacionalismo español, alanceando os inocentes de Anveres, feito que foi evocado pola serenísima maxestade de Felipe II, o ultra católico, con estas palabras: "Prefiero sacrificar 100.000 vidas humanas a renunciar en la persecución de los herejes". Un dos feitos máis crueis que exasperou ao propio Voltaire, no seu Diccionario Filosófico, foi a destrución das Alpuxarras, onde a Inquisición, a sangue e fogo eliminou, por orde do fanático Felipe II, a comunidade de refuxiados musulmáns. É dicir, que o señor Aznar ten tanta materia para pedir perdón aos outros que reclamala para España.

martes, 03-10-2006

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía