logoGrupoCorreoA proposta autonómica de Saramago - 31-07-2007

Xosé Lois García

Coido que José Saramago non precisa de dar exclusivas tan puntuais e escandalosas como as que fixo semanas pasadas sobre o horizonte catastrófico de Portugal, predicindo que o seu país, nun futuro non moi afastado, estará integrado no Estado español como comunidade ­autónoma. O boom lanzado aos medios de información é mais típico dunha persoa que ambiciona atención publicitaria máis que a dun escritor da altura de Saramago. Mais tampouco é de alarmarse dado que ultimamente varios premios nobeis téñennos acostumados a moi inusuais adiviñas e a estrafalarias predicións xa elevadas a rango de profecía. Así que o profeta Saramago con base en non sei de cantas elucubracións, nun santo e amén, degrada a Portugal, unha das nacións máis antigas de Europa, e posiciónaa na categoría de comunidade ­autónoma de España.

Esta sutileza profética non é un arrebato senil, porque a Saramago o consideramos un intelectual lúcido, porque aínda sabe estar en moitas vangardas belixerantes, en tantas loitas, cuxa presenza foi necesaria a súa palabra, tan puntual en diversos ámbitos da vida portuguesa e da solidariedade internacional. Esa arroutada xa a manifestou Saramago hai uns dous anos, cando lle deu ao idioma galego setenta anos de existencia. Isto mesmo acostumábao dicir reiteradamente o iluminado Camilo José Cela. Por iso que xa non nos resulta novidoso oír a voz dos profetas nobeis lanzar consignas apocalípticas e sempre seguros de seu carisma divinatorio.

A peor doenza anímica de certos portugueses é a que lles provén da súa fascinación por España, e isto é tan grave que non lles deixa asumir a lección histórica que lles deu a padeira de Aljubarrota. Xa sabemos que esa lección utópica é un acto de fe posto ao servizo de todos os futuros do ente nacional portugués, que un acto de heroísmo daquela batalla gañada aos casteláns e que se converteu no perdurar máis evidente da conciencia nacional lusa. Cando dicimos lusa queremos agrandar o concepto do que isto representa para a lusofonía. "A minha patria é a lingua portuguesa" (Fernando Pessoa, dixit). Por iso é que Portugal non se reduce a un territorio pequeno nin a unha economía fráxil ou a procesos convulsivos. Portugal é un estado dos máis antigos e grandes que outros estados europeos que non gozan dun perfil de expansión cultural, como o que representa na lusofonía.

Digamos que a profecía de Saramago non deixa de ser unha simple anécdota que a moi poucos inquedou ou mobilizou. Coido que isto, da integración de Portugal a España, xa ficou rotundamente aclarado por aqueles pensadores e republicanos do século XIX portugués, e no chamado iberismo de Antonio Sardinha, ou cando Eça de Queirós fixo a seguinte pregunta: "No matrimónio entre a Espanha e Portugal, quem fazer-há de marido e qual de mulher?". Obviamente a resposta non deixa lugar para as dúbidas, desde o lado machista español que transcendeu do ideario máis conservador que herdou da integrista Castela.

osé Saramago, que combate tenazmente a globalización maniféstaselle de novo a idea do vello internacionalismo proletario de integrar todo nunha só totalidade. Máis de tanto integrar a URSS rompeu e até o propio Saramago ficou fascinado. A idea única non é o mellor acto para conservar a diversidade. Portugal representa en todos os hemisferios a súa diversidade, é así como se engrandece o universo.

Sen dúbida, Saramago é produto dun país cunha idiosincrasia moi diferente á que ten o español. E el representa, co galardón do Nobel, un gran país: Portugal. Saramago tamén representa a lingua portuguesa, a que se fala en moitas nacións. Integrar Portugal no Estado español, mesmo onde predomina a hexemonía castradora do castelán, non deixa de ser un disparate.

martes, 31-07-2007

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía