logo opinionNeocolonialismo lingüístico 07.2008

XOSÉ LOIS GARCÍA
O chamado Manifesto por la lengua común non deixa de ser unha trama concibida por aqueles que postulan no Estado español un nacionalismo rancio, un separatismo a toda regra cos que falamos un idioma diferente. As teses que se verten nese manifesto non están lonxe daquela discursiva joseantoniana e de Ramiro Ledesma Ramos cando inventaban destrución masiva da patria, dos valores tradicionais, da relixión e do idioma da imperial Castela. Sempre o circuíto patrioteiro inventando trama. Os que fomos vítimas do pensamento único baixo o lema: "Una Grande y Libre", sabemos moi ben como entenden esa España omnímoda os intolerantes, os que non respectan a todo o que é diferente dentro da vella Hispania. Son eles os que comezan por diatribas e rematan por enarborar os derruídos pendóns do Cid, lanzándose a conquistas quixotescas. Repítense os roles de diferente maneira, mais o gume das agresións contra o idioma galego, catalán e éuscaro é unha realidade desde os diversos poderes de que goza o idioma castelán.

A liberdade de expresión é un deses dons conquistados dos que goza un Estado democrático. A liberdade de expresión deixa de cumprir a súa función cando se lle introducen mentiras, infundios e vitimismos, co único fin de vulnerar os dereitos lexítimos de Galiza, Catalunya e Euskadi. Non é novo que varios medios de comunicación conxuguen un discurso reaccionario e integrista falándonos da destrución do idioma castelán, co fin de diminuír e desvirtuar a acción dos outros idiomas que tentan normalizarse no seu propio ámbito e superar as barreiras encontradas co idioma castelán.

Podemos dicir que o castelán está sendo vítima en Galiza cando é o idioma que fala a maioría dos profesores, dos xuíces, dos cregos, dos funcionarios e a gran maioría dos medios de comunicación asentados na xeografía galega? Basta de disfrazar a ferocidade do lobo en inofensivo cordeiro! Os señores do manifesto débense preocupar de inmunizar o castelán dunha serie de virus verbais procedentes do inglés que minan o "castizo idioma de Nebrija y de Cervantes". Ridículas as teses españolistas que estes curiosos manifestantes están prodigando. Como curiosos os apoios que tiveron en Galiza, que se contan cos dedos dunha man. Mais foron realmente valentes e, sen dúbida, utilizaron a súa liberdade de expresión. Igual que moitos cidadáns utilizaremos a nosa liberdade en non mercar discos de Luz Casal, roupas de Roberto Verino e nos importe un patacón o que corra a bicicleta de Óscar Pereiro.

Mais en Galiza, como no resto do Estado, hai confabulados que comungan con esa idea integrista e manipuladora de que o idioma castelán está sendo agredido naquelas comunidades nas que se fala outra lingua, mais non se atreven a dicilo por non pór en risco os seus intereses, etc. Xa levamos anos con ese infundio posto en son de tarabela, que matraca en función de como veña o vento.

Servidor practica diariamente o trilingüismo (castelán, catalán e galego) por respecto, obrigación e discreción, e ninguén me impón o que teño que falar nin eu oriento a ninguén o idioma que ten que usar. E isto é un principio de dignidade e de respecto polo outro. Os monolingües que tanto aman a España e din que Catalunya, Euskadi e Galiza son España, deben tomar nota de que os idiomas que se falan nestas comunidades son españois, un bo patriota español ten a obriga de coñecelos e de practicalos e non separalos e usurpalos.

Neste xa próximo Día da Patria Galega, que ten un sentido reivindicativo e no que se expoñen problemas diversos, o estado do noso idioma prioriza unha unánime chamada de atención a normalizalo e a usalo pola cidadanía galega. Cómpre alertar e combater ese neocolonialismo lingüístico cargado de prepotencia reaccionaria.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía